A USC organiza un obradoiro virtual de vTigerCRM para celebrar en xaneiro

venres, 30 de decembro do 2011 Raquel Noya

A mediados do vindeiro mes de xaneiro, xa ben entrado o novo ano 2012, a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Aula de Investigación Aula TIC PYMEs, vai celebrar un obradoiro virtual de vTigerCRM, un software de xestión de relacións cos clientes baseado na web, que fai máis doados os labores de venda dunha empresa.
Máis polo miúdo, trátase dun software libre que se distribúe de balde, que abrangue todo o ciclo de vendas da empresa, dende a xestión de datos de contactos, clientes e provedores, ata a elaboración do inventario e a facturación de produtos e servizos, pasando por unha función de análise estratéxico e outras utilidades de interese para as PEMES galegas.
Este obradoiro, que terá unha duración de 50 horas virtuais desenvolvidas integramente na web da Aula TIC PEMEs, terá lugar entre o 20 de xaneiro e o 30 de marzo de 2012, e irá destinado a empresas e asociacións do entorno da Universidade (tanto no campus de Santiago como no de Lugo).
As persoas interesadas en asistir a este obradoiro deberán inscribirse antes do 18 de xaneiro a través de atpemes@usc.es, achegando o nome, apelidos, dirección de correo electrónico, teléfono e organización da persoa participante.
O prezo da inscrición é de 60 euros e as prazas son limitadas, aceptándose tan só unha inscrición por entidade asistente.
Segundo informan dende a organización, “asignarase un titor por cada 3 ou 4 persoas, que se encargará do seguimento, asistencia e avaliación do traballo realizado a través de foros e chats en tempo real”.

PUBLICIDADE