A USC e a Deputación buscan nas redes novos universitarios para Lugo

martes, 8 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Se hai que falar directamente coa mocidade, mellor facelo onde está a mocidade. Así o entenden a Deputación de Lugo e máis a Universidade de Santiago (Campus de Lugo), que queren que as mozas e mozos da nosa terra aposten pola Cidade da Muralla para realizar os seus estudos superiores, de aí que puxeran en marcha a campaña #paraestudarlugo. A iniciativa, que promove Lugo como urbe universitaria (contribuíndo a incrementar o número de matrículas nos diferentes graos da oferta formativa lucense) ten web de seu, paraestudarlugo.com e presenza nas principais redes sociais.
A páxina en cuestión recolle as principais características que definen á cidade e ó Campus. Segundo informan a Deputación e a dirección do Campus, dende a súa posta en marcha este xoves recibiu máis de 2.000 visitas desde lugares da comunidade galega, como Vigo, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Ourense, pero tamén de fóra, como León, Madrid e Catalunya, entre outros puntos do país. A campaña tamén está apoiada a través de diversas accións en redes sociais por parte das dúas entidades promotoras, facendo especial fincapé en Twitter, a través da etiqueta #paraestudarlugo e máis no Facebook (que rexistrou máis de 3.500 visitas e máis de 1.100 adhesións).

PUBLICIDADE