A USC e Emprendia organizan este venres un obradoiro de balde sobre EBT

xoves, 28 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Estamos a vivir o que semella o máis duro da crise produtiva, pero quen sabe se o peor, realmente, está por chegar. Para evitalo e ir saíndo dela de xeito definitivo, nada mellor que esquecer todo o que se fixo até o de agora e centrarnos en crear, innovar e en buscar e xerar coñecemento. Segundo informan a Universidade de Santiago e Emprendia, as empresas de base tecnolóxica (EBT) teñen potencial para ser en boa medida o remedio que demandabamos. Para amosar este concepto e buscar xeitos de potenciar este tipo de empresas, a USC e Emprendia organizan este venres 29 un obradoiro gratuíto.
Para as persoas organizadoras do encontro, a innovación e unha nova perspectiva global do mundo empresarial serán “os alicerces da recuperación económica”. De aí, subliñan, a importancia das EBT, que “poden dotar ao sistema económico da capacidade de innovación e diferenciación necesaria para o crecemento da industria e servizos”.
O taller, que afondará no proceso de internacionalización destas empresas, comezará cunha mesa redonda moderada polo profesor da USC Jacobo Feas e na que participarán o director do Máster de Comercio Exterior da USC, Miguel Angel Otero Simón; o presidente de Blusens, José Ramón García González; e Fernando Gutiérrez, consultor PIPE do sector TIC. A continuación, terá lugar a presentación dos casos de éxito de Neoker, Moonbite Games e MestreLab Research S.L. nunha sesión que presidirá o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra.

PUBLICIDADE