A USC convértese nunha universidade en liña

martes, 17 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Malia que por mor do COVID-19 os nosos campus reducisen á mínima expresión a actividade presencial, tanto de alumnado como de docentes, investigadores e persoal administrativo e de mantemento, a vida continúa nas nosas universidades grazas ás posibilidades de traballo, formación e mantemento a distancia que brindan as novas tecnoloxías. Neste senso, a Universidade de Santiago puxo en práctica medidas TIC para prolongar ao máximo a actividade docente e formativa, botando man de recursos previos como o acubillo dixital Minerva, que proporciona acceso aberto a a coleccións bibliográficas dixitalizadas e a gran parte da produción investigadora e docente da Universidade. En total, Minerva pon a disposición da comunidade 20.000 documentos.
No que se refire ao labor dos servizos e unidades administrativas da USC, botouse man de ferramentas corporativas virtuais para permitir o bo desenvolvemento do traballo non presencial, “de tal xeito que o persoal poida realizar a súa actividade dende o seus respectivos domicilios”. En todo caso, a USC determinou que “durante a xornada laboral, cada persoa deberá estar localizábel e ter activado o correo corporativo e o teléfono móbil persoal”.
O obxectivo destas e outras medidas é converter á Universidade de Santiago, ante a eventualidade do coronavirus, nunha institución educativa plenamente en liña.
Minerva
Na actualidade, este fondo online está estruturado nos apartados Arquivo Histórico Universitario con 363 documentos; Biblioteca, o cal consta de 3411 recursos; Docencia e Innovación Educativa con 643; I+D+I, dotado de 12753 elementos; e Institucional con 2110. En total, Minerva reúne na actualidade preto de 20.000 recursos dixitalizados que contribuirán, en palabras da USC, “a facer máis sinxela a docencia telemática que acaba de implantarse por mor da crise do coronavirus”.

PUBLICIDADE