A USC celebra en maio a súa nova Feira de Emprego en formato virtual

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

A Universidade de Santiago de Compostela organiza a súa Feira de Emprego, en formato virtual, os días 10 e 11 de maio de 2023. Será, en palabras da USC, “un lugar de encontro entre a propia Universidade, as empresas e organizacións, o alumnado e a colectivo de egresadas e egresados”.
A previsión da USC é contar coa visita de alumnado de todas as súas titulacións, co obxectivo de que deixen cadanseus currículos nos stands das empresas e organizacións participantes e se inscriban directamente nas ofertas de emprego publicadas.
O programa inclúe un cóctel presencial para todas as empresas o día previo ao comezo da feira, para intercambiar ideas e agradecerlles a súa participación.
As inscricións xa se poden facer a través da web empresas da USC.
O formato virtual, segundo informa a organización, é un recurso que axuda a superar todas as posíbeis eivas do formato presencial. “Internet mudou para sempre a captación de talento e hoxe en día é cada vez máis difícil conectar co alumnado egresado”, sinalan dende a USC, engadindo que “as novas tecnoloxías ofrecen recursos novidosos e efectivos para seguir a acceder ao talento nas universidades españolas”. Ademais, ten a vantaxe de minimizar os gastos e mellorar os resultados.

PUBLICIDADE