A UDC reúne a expertos internacionais en tecnoloxía e analítica de datos no congreso Big Data Coruña 2019

mércores, 16 de outubro do 2019 Redacción

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) acollerá os vindeiros días 21 e 22 de outubro a quinta edición do evento internacional Big Data, avalado polo éxito de participación das pasadas edicións.
Big Data Coruña 2019 reunirá a expertos en tecnoloxía e analítica de datos de nivel internacional en dúas xornadas que afondarán nos novos retos aos que se enfronta esta disciplina na actualidade. Os seus contidos, ademais de resultar de interese para a comunidade académica (a Facultade de Informática imparte desde este curso o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos), tamén serán atractivos para empresas e organizacións, pois actualmente Big Data é un dos campos que máis interese esperta, tanto pola súa aplicación como pola súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos.
O evento está organizado pola profesora Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora no CITIC; Bertha Guijarro, coordinadora do Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e investigadora no CITIC; e David Martínez, investigador da área de Big Data da University College London e director da área de investigación de DataSpartan.
Colaboran na organización a Rede Galega de Tecnoloxías Cloud e Big Data para HPC, o CITIC e a Facultade de Informática.
A asistencia é libre previa inscrición antes do venres, 18 de outubro.

PUBLICIDADE