A UDC, o CITIC e o ITG consolidarán o papel referente da Coruña en I+D

mércores, 10 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

JPEG - 1.4 MB
O director do CITIC, Manuel González, o reitor, Julio Abalde, e o director xeral de ITG, Carlos Calvo

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, e o director xeral do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Carlos Calvo Orosa, asinaron este 10 de xullo na Reitoría un convenio estratéxico para afianzar o papel investigador e innovador da cidade da Coruña, fortalecendo tamén o seu potencial como fonte de transferencia tecnolóxica. Nun plano concreto, o acordo diríxese a converter a cidade “no epicentro da I+D+i do noroeste español”, como sinalaron na sinatura do acordo, un acordo no que terá un papel moi relevante o Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, que estivo representando no acto polo seu director, Manuel González Penedo.
Na xuntanza fíxose saber que tanto o CITIC como o ITG son dous referentes autonómicos e estatais nos seus ámbitos de actividade, e que o seu vindeiro traballo conxunto vén a constatar o liderado da área da Coruña en I+D+i no ámbito das tecnoloxías vinculadas á transformación dixital, a información e as comunicacións.
O acordo asinado contempla, entre outras cousas, actuacións para a cooperación en actividades de investigación e desenvolvemento, a identificación de oportunidades internacionais, o intercambio de coñecemento e boas prácticas e a potenciación dunha maior transferencia tecnolóxica e de resultados á industria e á sociedade en xeral.
O obxectivo desta alianza é impulsar a competitividade de empresas e organizacións de Galicia, tanto dentro da nosa terra como alén do territorio, e máis tendo en conta o marcado alcance internacional dos centros participantes (o CITIC representando á UDC e o ITG) e as súas máis que relevantes presenzas nas redes europeas e nos instrumentos para a captación de recursos internacionais.
CITIC e ITG, dous referentes en prestixio e recursos
O CITIC, acreditado como Centro de Investigación Singular pola Xunta de Galicia, é un referente autonómico en I+D+i relacionado coa Intelixencia Artificial, a análise de información a gran escala (Big Data), a robótica, a computación de altas prestacións e as redes intelixentes, entre outras tecnoloxías en alza. Composto por máis de 200 investigadores de referencia a nivel internacional, cómpre salientar que un deles posúe unha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), un dos programas de financiamento máis importantes da Unión Europea, que se converteu nun indicador de prestixio e excelencia investigadora para as entidades que o posúen.
Por outro lado, nos seus máis de 25 años desenvolvendo investigación aplicada, o ITG non fixo máis que fortalecerse como un aliado tecnolóxico para as empresas. En 2018, prestou servizos profesionais a 260 clientes no ámbito da Industria 4.0, a Internet das Cousas (IoT), o Big Data, os sistemas intelixentes non tripulados, a Realidade Aumentada e a Intelixencia Artificial. Recoñecido oficialmente como Centro Tecnolóxico Nacional, o seu director xeral, Carlos Calvo, preside desde o ano 2015 a Federación Española de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT), un colectivo de 31 entidades e 4.000 investigadores cunha facturación conxunta de 272 millóns de euros.
Os dous centros coruñeses suman máis de 15 proxectos internacionais e manteñen relacións comerciais e de colaboración en 17 países. Ademais, contan con múltiples recoñecementos internacionais de institucións como a ONU, a OCDE e a UE.

PUBLICIDADE