A UDC e a multinacional Ghenova alíanse para crear unha Cátedra institucional especializada en Industria 4.0

mércores, 23 de xuño do 2021 Redacción

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director Executivo e CEO da empresa Ghenova, Francisco Cuervas García, asinaron na Reitoría un convenio para a creación da Cátedra Ghenova UDC de Industria 4.0.
Esta Cátedra ten como obxectivo propoñer actividades de formación relacionadas coa Industria 4.0 e as novas tecnoloxías implicadas como a robótica, analítica, intelixencia artificial, tecnoloxías cognitivas, nanotecnoloxía e internet das cousas, así como desenvolver novo coñecemento mediante a investigación nestas áreas. Tamén promoverán actividades de divulgación nas empresas e na comunidade universitaria sobre a transformación industrial que supón a Industria 4.0. En particular, fomentarase a relación de colaboración co Instituto Panamericano de Ingeniería Naval, que engloba ás institucións iberoamericanas deste ámbito.
A firma deste convenio é, segundo expresou o reitor, «un fito para o Campus Industrial de Ferrol xa que o desenvolvemento da Industria 4.0 é un dos seus eixos de traballo». Abalde apuntou que a Universidade aporta talento á sociedade, tanto en forma de coñecemento como de profesionais formados nas súas aulas, polo que é fundamental «ir acompañados pola empresa, como neste caso».
Pola súa banda, o director Executivo de Ghenova lembrou a longa vinculación que esta multinacional con sede en Sevilla ten con Galicia, con oficinas en Ferrol e Vigo con preto de 150 profesionais. «O noso compromiso con Galicia é total e esta é unha boa forma de devolverlle o moito que nos deu estes anos: o talento», manifestou Cuervas. «Tanto a empresa Ghenova como a Universidade da Coruña somos de perfil proactivo», definiu o CEO da multinacional, polo que probablemente a colaboración entre ambas entidades se prolongará e ampliará no futuro, segundo aventurou o executivo.
Esta nova Cátedra, a número 15 das que actualmente ten a Universidade da Coruña, estará ligada á Escola Politécnica Superior e será dirixida polo profesor Luis Carral Couce.
A transformación industrial, opina Carral Couce, «moi posiblemente estará sustentada na fábrica intelixente, caracterizada pola interconexión de máquinas e de sistemas no propio emprazamento de produción. Tamén se apoiará nun fluído intercambio de información da fábrica intelixente co exterior, en aspectos tan variados como o nivel de oferta e demanda dos mercados, os clientes, competidores e outras fábricas intelixentes».
«A aparición de novas tecnoloxías como a robótica, a analítica, a intelixencia artificial, as tecnoloxías cognitivas, a nanotecnoloxía e a internet das cousas marcarán o desenvolvemento desta etapa», conclúe o profesor Luis Carral.

PUBLICIDADE