A UDC colaborará cos enxeñeiros en informática en achegarlle prestixio social á súa profesión

martes, 10 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O eido profesional da informática, a diferenza doutros sectores, semella hoxe en día suxeito a un feixe de influenzas externas que pouco teñen que ver co seu propio desenvolvemento e o da sociedade na que se insire. Así, os recursos para asegurar que un posto laboral de certa responsabilidade ligado ás novas tecnoloxías sexa ocupado por profesionais coa formación axeitada non son o que se di abondosos. A maiores, tampouco son moitas as canles de comunicación tendidas entre os enxeñeiros en informática e a sociedade da que proceden e na que levan a cabo o seu labor. Contribuír a solucionar esta situación, dada en boa medida por unha regulación pouco firme, é o principal obxectivo do acordo asinado hoxe entre a Universidade da Coruña e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (o CPEIG).
O achegamento, presentado en todos os seus detalles por José María Barja e Fernando Suárez (máximos responsables da primeira e da segunda entidade, respectivamente), ten dous obxectivos ben definidos: por unha banda a promoción da Enxeñería en Informática na súa vertente máis social e, pola outra, o progreso no seu ordenamento a nivel profesional.
O acordo de colaboración inclúe, entre outras actividades concretas, a posta en marcha de actividades e proxectos de xeito conxunto: iniciativas ombro con ombro de investigación e desenvolvemento, cooperación en programas de formación ou asesoramento mutuo cara aos seus respectivos labores de investigación.
Asemade, nos detalles do convenio prevese a posta en marcha de cursos, conferencias, simposios, seminarios ou clases, amais de propostas de intercambio e colaboración en todo tipo de proxectos culturais de interese común.

PUBLICIDADE