A Técnopole presta apoio ás PEME galegas para acadar os mellores resultados en Mobile World Congress

venres, 24 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Entre o 24 e o 27 de febreiro vaise celebrar en Barcelona o que para moitos profesionais TIC é o evento tecnolóxico máis relevante do ámbito estatal e un dos máis referenciais do ámbito europeo e global: o Mobile World Congress. Para acadar que a presenza das nosas empresas sexa o máis ampla e destacada posíbel, a Tecnópole de Ourense (Parque Tecnolóxico de Galicia) anunciou que prestará soporte ás PEME galegas para concertar reunións bilaterais con outras firmas e entidades no devandito congreso sobre tecnoloxías móbiles. A Tecnópole materializará este compromiso coa dinamización da participación galega ao abeiro da súa condición de membro da rede Galactea Plus, o nodo español da Enterprise Europe Network.
Ao fío da relevancia mundial do congreso, o parque ourensán lembra que no evento barcelonés máis de dous mil empresas e entidades procedentes de máis de 200 países mostrarán as últimas innovacións en dispositivos móbiles, “mentres se desenvolve un amplo programa de relatorios no que se darán a coñecer os retos e tendencias máis relevantes para o futuro do sector”.
No seu papel de co-organizador do Brokerage Event que se celebra entre os días 25 e 27 de febreiro no marco da feira, o Parque Tecnolóxico de Galicia ten acceso á listaxe de participantes e ofrece soporte ás PEME galegas para “xestionar a procura de contactos axeitados, así como para concertar reunións con eles”.
A Tecnópole lembra que os brokerage events son “unha ferramenta especialmente interesante para as PEME, xa que lles permiten acceder a contactos que están decote fóra do seu alcance”.

PUBLICIDADE