A Tecnópole lanza unha guía en galego para incrementar a presenza de rapazas nos estudos STEM

venres, 22 de maio do 2020 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vén de publicar en galego a guía Que quero ser de maior?, destinada a impulsar a presenza de rapazas nas carreiras vencelladas á investigación e á innovación. Forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrada Tecnópole.
O obxectivo deste proxecto, que cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ou tamén denominado co seu equivalente en inglés como STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).
A Tecnópole explica que “esta guía ilustrada recóllense algúns exemplos de estudos científicos e tecnolóxicos e as súas posíbeis saídas profesionais”.
A razón de ser da publicación rastréxase no potencial dos parques tecnolóxicos para dar unha viraxe á desigualdade nas carreiras máis ligadas á innovación, e así nolo explican dende o complexo empresarial de San Cibrao das Viñas: “Podemos contribuír en gran medida ao aumento da presenza feminina en carreiras STEM, de feito a promoción das vocacións científicas e tecnolóxicas é unha das actividades pola que máis estamos a apostar nos últimos anos, sobre todo polo impacto que estas poden ter no desenvolvemento dun sistema de innovación competitivo, para o cal, é indispensábel contar co 100% da sociedade”.
Neste documento indícanse as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. No eido da Arquitectura e Enxeñería destácanse: Arquitectura; Camiños, Canles e Portos; Minas; Montes; Agronomía; Topografía; Xeodesia e Cartografía; Automática e Electrónica Industrial; Telecomunicacións; Imaxe e Son; Naval; Aeronáutica; Industrial; Química; Reciclaxe e Informática.
No eido das Ciencias da Saúde abórdanse as titulacións de: Enfermería, Farmacia, Fisioterapia, Medicina, Logopedia, Odontoloxía, Veterinaria, Podoloxía, Nutrición e Ciencias dos Alimentos, e Biotecnoloxía e Xenética.
E no campo das Ciencias: Matemáticas, Estatística, Bioloxía, Bioquímica, Xeoloxía, Ciencias Ambientais, Antropoloxía, Oceanografía, Física, Química, xunto a Óptica e Optometría.
Ao longo da guía tamén se amosan unha serie de curiosidades para os máis novos como que o primeiro robot humanoide da historia, chamado Elektro, exhibiuse no ano 1939. Tamén se indica que é posíbel que unha persoa poida ter dous tipos distintos de ADN (porque durante o embarazo os xemelgos poden intercambiar células entre si), ou que a montaña máis alta da Terra é en realidade o volcán Mauna Kea, de máis de 10.000 metros de altura, situado na illa de Hawai.

PUBLICIDADE