A Tecnópole calcula que 2.200 persoas visitarán a feira Galiciencia que comeza este mércores

mércores, 21 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Hoxe comeza oficialmente a feira Galiciencia, posta en marcha pola Tecnópole de Ourense para espertar o científico ou a científica que a nosa mocidade leva dentro a través dunha serie de exposicións, actividades e demostracións de achados e inventos. Segundo apunta a organización, calcúlase que máis de 2.200 persoas visitarán o evento ao longo destes días (dende hoxe até o 23 de novembro). Galiciencia, con toda probabilidade a cita científica de maior envergadura e alcance da nosa terra, foi recoñecida pola FECYT como unha das 20 actividades de referencia na Semana da Ciencia en España, xunto con Biodiversión, tal e como avanzamos nesta web hai uns días. Galiciencia desenvolverase no recinto da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), nunha carpa na que 50 equipos amosarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación.
Este ano, informa a Tecnópole, a representación máis numerosa procede dos colexios de Vigo, con 17 equipos expoñendo proxectos. A eles súmanse outros 3 da provincia de Pontevedra (de Cangas do Morrazo e Ponteareas), 16 de varias localidades de Ourense (Cea e Pereiro de Aguiar, ademais da capital), 8 da provincia da Coruña (Santiago, Ferrol e Narón), 4 de Lugo (capital e Ribadeo) e 2 de Barcelona. Xa nun plano máis concreto, dicir que o xoves será presentado o libro Dos quarks á próxima extinción, editado pola Xunta de Galicia. Esta obra, escrita por Pedro José Cascajosa coa edición científica de Xurxo Mariño, seralle entregada gratuitamente a todos os visitantes do evento en conmemoración do 20 aniversario da Tecnópole.
A Galiciencia 2012, cuxa preparación puidemos ir vendo polo miúdo en Facebook, achega dous xeitos de chegar á cidadanía, nomeadamente á máis nova: nas propias instalacións da Tecnópole, sede das actividades previstas, ou a través da Rede grazas á retransmisión en directo do que aconteza na carpa expositiva de proxectos, nos obradoiros e máis na redacción da revista oficial.
Unha vez máis, a idea fundamental é favorecer un espazo axeitado (un obradoiro de lecer e divertimento pero tamén de aprendizaxe, de exposición e de demostración) para que os investigadores e emprendedores do futuro amosen os seus proxectos en detalle. A Galiciencia 2012, que este ano coincide coa celebración do 20 aniversario da Tecnópole, contará coa presenza de estudantes de Secundaria e Formación Profesional procedentes de toda a Comunidade, e tamén doutros puntos do Estado, explicando dende os stands as súas ideas de novos produtos e servizos para o mercado e as súas investigacións en diversas áreas do coñecemento.
A liña temática da celebración deste ano será a procura de enerxías limpas, xa que este ano celébrase a nivel mundial o Ano da Enerxía Sostible para Todas e Todos.

PUBLICIDADE