A TVG pode seguirse en directo a través de YouTube

luns, 10 de maio do 2021 Marcus Fernández

As emisións a través da Internet da Radio e da Televisión de Galicia poden considerarse pioneiras, e aínda que nos últimos anos convertesen en normal o contar con múltiples canles en directo a través da súa páxina web, agora dan un paso máis mellorando a súa dispoñibilidade, xa que pasan a ofrecer os seus contidos en directo a través de YouTube as 24 horas do día os 7 días da semana.
O sinal en concreto que emiten a través de YouTube é o que corresponden a TVG Europa, ou sexa, que ofrece os contidos da TVG en directo con pequenas desconexións cando se careza dos dereitos de difusión global (como acontece cos filmes dobrados). Con isto non só se mellora a dispoñibilidade técnica dos contidos da Galega, senón que tamén se achega a numerosos dispositivos como televisores conectados, que na súa meirande parte contan coa aplicación de YouTube preinstalada, de xeito que dende case todo o mundo é posible ver en directo o sinal da TVG cun simple acceso á Rede.
A canle de YouTube da TVG tamén ofrecerá a emisión en directo dos eventos máis demandados polos espectadores, como os partidos de fútbol dos equipos galegos que xogan na Segunda B e na Terceira división.

PUBLICIDADE