A Surface Pro 4 xa pode mercarse en España

xoves, 19 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Agora que xa está dispoñible en España o iPad Pro botábase en falta o equipo con Windows que podía considerarse o seu rival máis directo, e hoxe chega á tenda en liña de Microsoft, para que en breve o podamos ver no resto de tendas. Trátase da Surface Pro 4, unha tableta con Windows 10 Pro que pode substituír completamente a un ordenador portátil, pero abrindo a porta a funcións creativas grazas a poder empregar tamén un stylus na súa pantalla táctil de 12,3 polgadas cunha resolución de 2.736 x 1.824 píxeles, que converte a este equipo nun dos máis desexados actualmente.
Pero esta nova xeración de Surface Pro vén coa última xeración de procesadores de Intel, o que vén acompañado cunha importante suba de prezos, de xeito que os usuarios en gozar deste experiencia posiblemente poidan conformarse cunha Surface Pro 3.
O modelo máis básico de Surface Pro 4 tería un procesador Intel Core m3, 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno, incluíndo tamén o lapis dixitalizador (a súa magnífica funda-teclado sería un accesorio aparte) e ten un prezo de 999 euros, o que supón unha barreira de entrada bastante elevada (aínda que un iPad Pro de 128 GB e con Apple Pencil custaría 1.188 euros). Por 100 euros máis poderiamos mellorar o seu procesador para optar por un moi superior Intel Core i5.
O seguinte chanzo neste tipo de tabletas estaría coa adopción dunha capacidade interna de 256 GB, que estaría acompañada por 8 GB de RAM e procesador Core i5, que tería un prezo de 1.449 euros, subindo até os 1.799 euros se optamos por un procesador Core i7 e 1.999 euros se chegamos até os 16 GB de RAM.
O tope de gama estaría nunha Surface Pro 4 con procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno, que tería un prezo de 2.449 euros.

PUBLICIDADE