A Surface 3 con LTE inicia o seu desembarco europeo

luns, 5 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Tras a boa acollida da tableta Surface Pro 3, Microsoft decidiu que para o público que buscaba unha maior mobilidade era interesante lanzar unha versión menos potente e cunha pantalla de menor tamaño, para facilitar o seu transporte, continuando a gozar dunha versión de Windows 8.1/10 completa, e así presentou a Surface 3, tableta con pantalla 10,8 polgadas que leva uns meses á venda en España, pero da que había unha grande ausencia: o seu modelo co conectividade móbil.
Agora comeza o desembarco europeo da versión da Surface 3 que inclúe unha rañura para tarxetas SIM, de xeito que pódese gozar directamente dende o equipo de banda larga móbil LTE, prestación moi valorada entre os usuarios corporativos, que así poden gozar das vantaxes dun equipo informático completo en case calquera lugar, mantendo a conectividade.
A incorporación de conectividade 4G á Surface 3 supón un incremento do seu prezo de 120 euros, cando menos na tenda en liña de Microsoft en Francia, sendo de agardar que en breve chegue tamén á tenda española e tamén ás tendas de Movistar, operador que xa comercializaba a Surface 2 e que agora fará o propio co novo modelo.
Deste xeito, a Surface 3 con 2 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno e LTE véndese a 719 euros, mentres que o modelo con 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno e LTE véndese por 839 euros. Tamén podemos lembrar que estamos ante unha tableta cun grosor de 8,7 milímetros e un peso de 622 gramos, características que a dotan dunha portabilidade moi superior á dun ordenador portátil ordinario. Cómpre destacar que a súa pantalla de 10,8 polgadas opta por unha relación de aspecto de 3:2, buscando así unha boa experiencia tanto en vertical como en horizontal, sendo a súa resolución de 1.920 x 1.280 píxeles.

PUBLICIDADE