A SSD 980 Pro de Samsung terá versión con disipador compatible coa PS5

mércores, 13 de outubro do 2021 Marcus Fernández

O mes pasado a PlayStation 5 recibiu unha actualización que facilitaba a ampliación da súa capacidade de almacenamento interna mediante unidades SSD M.2, existindo bastantes unidades compatibles, aínda que normalmente hai que profundar nas súas especificacións para comprobar se unha unidade é axeitada para a PS5, o que levou a que se dese a coñecer que unha das unidades compatibles, a popular Samsung SSD 980 Pro (con velocidades de até 7.000 MB/s de lectura e 5.000 MB/s de escritura), contaría cun modelo optimizado para a consola de Sony, que mantería as mesmas especificacións técnicas, pero engadiría un disipador para facilitar a súa refrixeración.
Agora confírmase que a nova unidade Samsung SSD 980 Pro sairá á venda o 29 de outubro en modelos de 1 TB e 2 TB a prezos de 249,99 dólares e 449,99 dólares respectivamente. A grande vantaxe desta unidade será que as súas dimensións está confirmado que collen dentro dunha PS5, evitando a molestia de atopar un disipador que non teña problemas de espazo no interior da PlayStation 5.
Cómpre salientar que esta unidade SSD está claramente dirixida ás consolas de Sony, pois non refrixeran o espazo para a ampliación da súa capacidade de almacenamento interno do mesmo xeito que a meirande parte de placas bases de equipos informáticos.

PUBLICIDADE