A SCIE outorga o Premio Nacional de Informática ao investigador do CITIC Ramón Doallo
martes, 8 de maio do 2018
investigador
do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), Ramón Doallo, vén
de recibir o Premio Nacional de Informática convocado pola Sociedade
Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.
Segundo informa o centro coruñés, esta distinción é unha das máis
prestixiosas do ámbito estatal no eido da Enxeñaría Informática,
e está encamiñada a salientar o labor de investigadores, entidades
públicas e privadas na área da informática que adicaron a súa
carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e
divulgación desta disciplina.
Doallo,
que ademais de investigador do CITIC é catedrático da Facultade de
Informática da Universidade da Coruña no Departamento de Enxeñaría
de Computadores, gañou o Premio Aritmel, segundo o xurado, “polas
súas sobresaíntes contribucións á arquitectura e tecnoloxía de
computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como
pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao
sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.
Lembrar
que Ramón Doallo tamén é membro (académico numerario) da Real
Academia Galega das Ciencais (RAGC) e un dos fundadores de Torus,
empresa innovadora de solucións de software no eido da computación
de alto rendemento, con vertentes en sectores como o financeiro, o
das telecomunicacións e a enerxía. Torus, en concreto, achega
recursos de software de comunicacións ultrarrápidas que permiten
acelerar aplicacións en contornas nas que o rendemento é crítico,
en especial nos devanditos sectores. A empresa está participada pola
UDC e pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Ciencia e
recibiu xa varios premios polo seu compoñente innovador.