A Ruta Rosaliana será obxecto dun programa integral de sinalización intelixente
xoves, 10 de outubro do 2019
A
liña xeográfica, de gran interese turístico, que vai dende as
portas do Barbanza, en Dodro, até Compostela, vai contar con
tecnoloxías que permitan mellorar a experiencia dos viaxeiros e,
tamén, dos residentes. O treito en cuestión, polo
que discorre a Ruta Rosaliana (pasando polos concellos de Ames,
Brión, Padrón, Dodro e Santiago), vai ser o escenario onde se
desenvolva un proxecto de sinalización turístico-intelixente da man
da Deputación da Coruña e dos devanditos Concellos. O
obxectivo, en palabras da entidade provincial, “é mellorar a
imaxe, modernizar o sistema de datos e facer máis accesíbel un
recurso de especial interese turístico creado arredor do territorio
biográfico e literario de Rosalía de Castro”.
O
alicerce do proxecto será un convenio de colaboración
intermunicipal que impulsará a incorporación de tecnoloxías como
os códigos QR (para ofrecer información online de recursos e
mapas) e beacons (dispositivos miúdos dispostos con
capacidade para ofrecer produtos e servizos personalizados a través
do teléfono móbil, ampliando a posibilidade de facer reservas en
aloxamentos, restaurantes e actividades antes da viaxe ou no
destino).
En
palabras do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, “a
iniciativa dotará dunha tecnoloxía avanzada a turistas dixitais que
queiran recibir a información nos seus dispositivos e poidan acceder
a servizos para a preparación da súa viaxe”. Na súa opinión, a
Ruta Rosaliana é un recurso de especial interese cultural e
turístico que ten unha grande potencialidade e “queremos que se
adapte aos novos sistemas de información e comunicación de maneira
que se amplíe a súa difusión e a súa accesibilidade".
A
iniciativa abrangue a análise e diagnóstico da situación actual da
ruta e a elaboración do plan director da sinalización e o
desenvolvemento do novo sistema de destino turístico intelixente
conectado.