A Rede de Dinamización recolle nun blog o son das campás galegas

venres, 2 de outubro do 2009 Raquel Noya

Se hai algo que nos guste aos galegos e galegas que amamos a nosa Terra por enriba de todo, iso son os prados verdes que todos envexan alén das nosas fronteiras, as limpas e tranquilas praias que todos os españois quixeran ter nas súas vilas, o rico marisco regado sempre cun bo albariño (que non falta en ningunha celebración que se prece) e esa retranca tan característica que fai que sexamos queridos onde queira que vaiamos.
Porén, se cadra, no medio de tantas cousas boas, ás veces esquecemos a importancia dos pequenos detalles, que residen, por exemplo, no arrecendo a pan recén feito en forno de leña, no ruído da choiva contra a fiestra nunha tarde de inverno, no vistoso das flores do toxo que adornan os nosos montes (cando temos sorte e non arden), ou no repicar das badaladas que avisan de algo importante ou no paso das horas en cada vila e cidade galega.
Isto último é precisamente o que a Rede de Dinamización en colaboración con varios concellos galegos quere evitar que esquezamos: o repicar das badaladas. Para iso, varios dinamizadores dos centros de dinamización de Moaña, Pontevedra, Ames, Bueu, Sada e Valga, están a colaborar na creación dun blog (A língua das Campás) no que recoller os sons das badaladas galegas gravados “in situ” polos propios veciños e veciñas; buscando, segundo afirman, “o son das badaladas que enchen o silencio das aldeas”.
A Língua das Campás nace coa idea de ofrecer en Internet novos contidos de interese para a poboación galega, e que sexa esa mesma poboación a que participe activamente no crecemento da rede. Así, búscase a inmersión nas Novas Tecnoloxías a través da promoción das tradicións propias, polo que se trata de conservar e recopilar as señas de identidade.
Durante moitos anos, aseguran os responsables da iniciativa, “o son das campás tivo un lugar protagonista nas nosas comunidades”. “O seu labor”, engaden, “non era só chamar a xente para a acudir á igrexa senón que era o principal medio de comunicación no rural. Segundo como se marcara o ritmo no repicar das campás a xente sabía que había boas ou malas novas. Agora moi poucos saben recoñecer esa linguaxe e espérase que con esta iniciativa se poidan recuperar”.
Os obxectivos que se queren acadar con esta actividade son, entre outras cousas, promover o acceso “democrático” ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación, xerar un espazo de recompilación da cultura local e da comunidade galega, crear un centro de documentación dixital que recolla o son dos campanarios de Galicia e favorecer a participación da cidadanía galega residente noutros puntos de España e do extranxeiro a través da Rede.
Xa que logo, os interesados en participar nesta pioneira iniciativa, tan só terán que achegarse até o Centro de Dinamización máis próximo ou consultar o blog oficial de Badaladas, onde se atopa a información sobre esta actividade.

PUBLICIDADE