A Rede de Dinamización Lingüística busca apoios nos GDR para impulsar o galego nos ámbitos presenciais e dixitais

martes, 22 de xuño do 2021 S. P.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantiveron este 22 de xuño un encontro telemático con representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para a súa inclusión na Rede de Dinamización Lingüística (RDL), concibida para para promover o uso da lingua galega a través de accións presenciais pero tamén nas redes (poñendo o foco nas novas xeracións, nativas dixitais).
Na xuntanza, a directora xeral convidou aos 24 GDR espallados pola nosa xeografía a que se adhiran a esta Rede, tendo en conta o seu importante papel de dinamizadores do territorio e o potencial que atesouran para organizar “unha ampla variedade de eventos e actuacións para impulsar a lingua galega”.
Inés Santé considerou moi relevante que estas entidades poidan entrar a formar parte desta Rede, nunha clara intención de estreitar as liñas de colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A directora xeral engadiu que o Goberno galego quere seguir apostando polo desenvolvemento rural e nesta ocasión facelo “mediante a promoción da nosa lingua, o fomento da cultura nas súas diferentes modalidades, apoiando ás empresas culturais e creadores da comunidade e facendo por que o seu traballo poida chegar á maior parte da poboación do rural de Galicia”. Para conseguilo, coa adhesión á RDL, dixo, “poríase a disposición dos 24 GDR galegos a posibilidade de organizar unha ampla variedade de eventos e actuacións, co gallo da súa adhesión á Rede de Dinamización Lingüística”.
Balance recente da Rede de Dinamización
A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) presentou recentemente, a través do secretario xeral Valentín García, o seu balance de actividades relativo a 2020. Segundo fixo saber, a Rede vén de realizar un importante labor na visualización e extensión do uso da lingua galega que se reflicte en máis de 400 accións de promoción do uso social do idioma desenvolvidas nas súas identidades. Unha parte destas accións desenvolveuse a través das novas ferramentas dixitais, en parte polas vantaxes comunicativas que estas ofrecen, en parte pola seguridade e as garantías de distanciamento que achegaron en tempos de pandemia.
En concreto, a RDL, dependente da Secretaría de Política Lingüística, pechou o ano cun total de 424 actividades de dinamización da lingua e da cultura galegas, das cales 459 se materializaron en espectáculos e artes escénicas (con 240 representacións teatrais e 119 concertos) e 65 noutros formatos culturais (exposicións, roteiros literarios, encontros temáticos ou presentacións). A maioría destas accións enfocáronse principalmente na promoción do uso do galego na nenez e na familia, na transmisión interxeracional do galego ou no uso do idioma desde o lecer.

PUBLICIDADE