A Rede de Dinamización Lingüística alcanzou máis de 400 actividades e 202 entidades participantes neste 2020
xoves, 31 de decembro do 2020
- O secretario xeral de Política Lingüística nunha imaxe de arquivo no Pazo de San Roque
O ano 2020 foi moi difícil en
moitos eidos, pero non privou á Rede de Dinamización Lingüística
(RDL) de desenvolver un importante labor na visualización
e extensión do uso da lingua galega que se reflexa en máis de 400
accións de promoción do uso social do idioma desenvolvidas
nas súas identidades. Unha
parte destas accións desenvolveuse a través das novas ferramentas
dixitais, en parte polas vantaxes comunicativas que estas ofrecen, en
parte pola seguridade e as garantías de distanciamento que achegaron
en tempos de pandemia.
En
concreto, a RDL,
dependente da
Secretaría de Política Lingüística,
pechou o ano cun total de 424 actividades de dinamización da lingua
e da cultura galegas,
das cales 459 se materializaron en espectáculos e artes escénicas
(con 240 representacións teatrais e 119 concertos) e 65 noutros
formatos culturais (exposicións, roteiros literarios, encontros
temáticos ou presentacións). A maioría destas accións enfocáronse
principalmente na promoción do uso do galego na nenez
e na familia, na
transmisión interxeracional do galego ou
no uso do idioma desde
o lecer.
Tras un gran ano, a pesares de
todas os obstáculos, o secretario xeral de Política Lingüística e
presidente da RDL, Valentín García, aproveitou para presentar as
liñas de traballo para 2021. Deste xeito, as actuacións terán como
finalidade incrementar o uso que a mocidade fai do galego, a posta en
valor da nosa lingua
como vehículo de
comunicación e activo empresarial no ámbito da lusofonía, na
difusión da riqueza toponímica de Galicia e na visibilidade do
idioma e da cultura galega no Camiño de Santiago, no marco da
celebración do Xacobeo 2021.
Participación directa do
Concello da Pobra
Como dixemos, estes e outros
datos foron achegados durante o
encontro anual das
entidades participantes (concellos, deputacións, mancomunidades,
asociacións, o Goberno galego) no
Consello de Membros da Rede de Dinamización Lingüística.
Canda Valentín García e os
outros representantes da Administración autonómica, tomaron parte
na sesión outros 30 responsábeis
dos concellos da Estrada, Boqueixón, Bande, Viveiro, Lalín, A
Coruña, Ames, Valga, Narón, Mondoñedo, A Pobra do Caramiñal,
Cariño, Marín, Cuntis, Cedeira, Quiroga, Outes e Vilamarín, así
como das deputacións da Coruña e Ourense e mais do Liceo de
Ourense. Tamén participou na reunión ordinaria anual a presidenta
do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.
Na sesión, ratificouse a
entrada na RDL dos concellos do Corgo, Monterrei e da Pobra de
Trives, co que o número total de entidades participantes no proxecto
de promoción social do galego desde o ámbito local se sitúa
arestora nos 202 (entre concellos, deputacións, mancomunidades,
asociacións, fundacións, Consello da Cultura Galega, FEGAMP...).