A RAGC pide un pacto a prol da investigación no Día da Ciencia en Galicia

martes, 8 de outubro do 2019 Redacción

Este martes foi o Día da Ciencia en Galicia e, por este e outros motivos, foi unha xornada para mostrar, visualizar e reivindicar o importante e modélico traballo das nosas investigadoras e investigadoras. Estamos a falar da entrega das Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que se concederon este martes a científicos das universidades de Santiago e Vigo (USC e UVigo).
A entrega das medallas, que se estrean este ano, celebrouse no Colexio de Fonseca de Santiago. Un dos recoñecementos foi dar a Alfredo Bermúdez de Castro, catedrático de Matemáticas e impulsor de grandes achados ligados ás novas tecnoloxías, como por exemplo o desenvolvemento do software Ganeso para a xestión da rede de gas. Na gala de hoxe participou o presidente da RAGC, quen avogou por “un pacto entre axentes políticos, sociais, económicos e académicos a prol da ciencia e a tecnoloxía en Galicia”.
O presidente da entidade, Juan M. Lema Rodicio, recoñeceu o esforzo da Administración por “promover a estruturación do sistema científico galego”, pero precisou que “compre dotarnos con urxencia de programas que permitan a atracción de talento, galego ou non, e que contribúan á dinamización e ao reforzamento dos grupos de investigación”. Ao fío disto, dixo que “é fundamental o traballo conxunto entre a Universidade e a Administración nun marco que permita a incorporación de investigadores de nivel internacional”.
Ao acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, asistiron, entre outras personalidades, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Planificación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos; o delegado en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron; e o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.
O presidente honorario da RAGC, Miguel Ángel Ríos, foi o encargado de glosar a figura do químico Tomás Batuecas Marugán, distinguido este ano como figura homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia, coincidindo co 150 aniversario da creación da táboa periódica. Ríos, que foi alumno de Batuecas na Facultade de Química da USC na promoción 1959-1964, lembrou o “altísimo prestixio internacional” de quen foi un auténtico referente mundial na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos.
Batuecas foi incorporado á exposición Científicos Galegos, na que figuran todos os investigadores homenaxeados ata a data no Día da Ciencia en Galicia e que percorrerá institutos e colexios de toda Galicia.
Durante o acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a cinco científicos e científicas de prestixio en cada unha das súas cinco seccións.
Recibiron a distinción Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Uvigo (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Carlos Diéguez González, catedrático de Fisioloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Alfredo Bermúdez de Castro, catedrático de Matemática Aplicada da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); María Teresa Moreira, catedrática de Enxeñería Química da USC (Medalla Isidro Parga Pondal); e José Luis Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC (Medalla Antonio Casares Rodríguez).
Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, onde “este ano a competencia foi moi forte, debido á calidade e cantidade dos traballos presentados”, segundo precisou o presidente da RAGC.
O Premio de Investigación 2019 foi recollido polos autores da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais no sur de Europa, que demostra que as primeiras prácticas de “domesticación instantánea”, é dicir, de cultivo mediante o enxerto, foron realizadas en Galicia, a principios do século XV. O equipo galardoado está liderado por Santiago Pereira e Ana María Ramos, investigadores do Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC e conta coa colaboración de científicos franceses, italianos, andaluces, vascos e estremeños.
Pola súa banda, o biólogo Juan Cuñarro, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, recolleu o premio para investigadores mozos, grazas a un traballo de seu que identifica unha nova diana para terapias contra a obesidade e a síndrome metabólica en xeral, un grupo de afeccións relacionadas co risco de desenvolver unha enfermidade cardíaca e diabetes tipo 2.
En ambas as dúas categorías foron entregadas hoxe mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, a María Celeiro, en equipo con María Llompart, do Instituto CRETUS da USC. Na categoría de investigadores mozos, a Xabier García, do Departamento de Matemáticas do Campus de Ourense da UVigo.

PUBLICIDADE