A RAGC fai unha proclama pola transferencia de tecnoloxía nos seus premios anuais

martes, 29 de xuño do 2021 Pedro Pérez

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este 29 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021 e o Premio RAGC de Divulgación Científica 2021. O evento foi presidido polo presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, e contou coa asistencia de numerosos académicos como a secretaria da institución, Pilar Bermejo, o académico da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Ángel Carracedo, ou o responsábel de publicación e relación sociais da Academia, Fernando Pérez González.
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021 comprenden tres categorías premiadas con 6.000 euros cada unha delas.

O equipo da USC e da UDC especializado en vacinas para o ámbito da acuicultura

O Premio Francisco Guitián Ojea foi para un proxecto titulado Utilización de proteínas da parede celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura. Un dos investigadores participantes no traballo, Manuel Lemos destacou que “é imprescindíbel transferir o coñecemento á sociedade, o que implica dedicarlle recursos de forma estábel no tempo, fomentar as vocacións científicas entre mozas e mozos e ofrecerlles unha carreira investigadora clara”.

O premio ao equipo de BIOFAST

A seguinte categoría, o Premio Fernando Calvet Prats, tivo como gañador o proxecto BIOFAST- Biomaterial para a rexeneración ósea, un proxecto do grupo de investigación de Novos Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo. O xurado destacou o desenvolvemento e a transferencia dun produto biomédico innovador cunha excelente aplicación en traumatoloxía, odontoloxía e maxilofacial.

O galardón para o equipo de Alice Biometrics

O Premio Ricardo Bescansa Martínez foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics S.L, un traballo innovador da tecnoloxía e identificación de identidade no proceso de rexistro dixital.
Doutra banda, o Premio de Xornalismo Científico foi para a peza titulada Ciclodextrina: la conexión entre El Señor de los Anillos y la pandemia de COVID-19, do xornalista Alberto Quian, quen quixo dar as “grazas a todos e a todos os científicos que durante anos me proporcionaron un coñecemento extraordinario e impagábel sobre o mundo que habito”.
Por último, o Premio RAGC de Divulgación Científica 2021 foi para o divulgador Ramón Núñez Centella, considerado o promotor da nova museoloxía científica en España e artífice dos tres museos científicos coruñeses de titularidade municipal, Casa das Ciencias, Domus e Aquiarum Finisterrae.

O Premio de Divulgación Científica para Ramón Núñez

PUBLICIDADE