A RAGC e GAIN convocan a 9ª edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas
martes, 16 de abril do 2024
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convoca a novena edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico.
Poderán participar todas/os as/os xornalistas de medios de comunicación galegos, ou edicións en Galicia de medios estatais. A proposta consistirá nunha peza xornalística de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de maio de 2023 e o 14 de abril de 2024 en diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión.
O premio será de 5.000 euros para o traballo gañador. Ademais, concederase un accésit para o segundo traballo mellor valorado. O prazo de presentación remata o 15 de maio.
O obxectivo é distinguir traballos exemplares e modélicos na comunicación da ciencia e tecnoloxía, “dous ámbitos de traballo cruciais para o desenvolvemento económico e o benestar social dun país”. Para a RAGC e GAIN, “comunicar a ciencia á sociedade galega, facendo partícipe á cidadanía dos achados científicos e tecnolóxicos e/ou as súas aplicacións, así como tamén os casos de transferencia de coñecemento ás empresas galegas, convértese nunha prioridade para que ese papel dominante do coñecemento implique a todas/os as galegas e os galegos”.
A proposta debe consistir nunha peza xornalística de carácter informativo en formato escrito ou audiovisual publicada ou emitida entre o 1 de maio de 2023 e o 14 de abril de 2024 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión.