A RAGC distingue o labor de 20 grupos das nosas universidades que loitan contra a COVID

venres, 24 de xullo do 2020 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias recoñeceu este mércores, oficialmente, o traballo de 20 grupos de investigación das tres universidades galegas (9 da USC, 7 da UVigo e 3 da UDC) polas súas importantes contribucións científicas e tecnolóxicas na loita contra a COVID-19. A concesión das distincións, que se elaboraron sobre a base de máis de 150 propostas de investigación, celebrouse no salón nobre de Fonseca, na USC, e contou coa presenza da conselleira de Educación e dos tres reitores das nosas universidades. En cuestión de áreas de traballo, estiveron moi presentes (entre outras) a Intelixencia Artificial e a análise e seguimento de datos a gran escala (Big Data), que foron os ámbitos nos que se centraron os investigadores recoñecidos do CITIC.
Na cita lembrouse que os proxectos contaron con financiamento de diversas institucións (como o Instituto de Salud Carlos III, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Fondo Supera-COVID, a Fundación Amancio Ortega, o SERGAS, Tragsa, Augas de Galicia e EdardeBens), e que foron realizados nas tres universidades galegas.
O presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio subliñou que “A ciencia galega soubo estar á altura das circunstancias, respondendo cun gran dinamismo e ilusión, fronte a crise e amosando unha extraordinaria vocación de servizo á sociedade, o que demostra unha vez mais a necesidade de manter un tecido científico de calidade”.
Os proxectos encadráronse en seis diferentes áreas. Na primeira, na que se procura unha detección precoz da infección mediante o análise das augas residuais, realízanse os proxectos liderados por Margarita Poza, Claudio Cameselle, Jesús Lopez Romalde e Juan M. Lema. Avalíase a carga de material xenético do virus nas depuradoras de augas e nos colectores municipais de un total de 20 cidades e vilas de Galicia.
Mediante o modelado matemática, nos proxectos de Iván Area, Jorge Mira, Angel Miramontes e Ricardo Cao preténdese determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica. “Os modelos resultan de grande interese á hora de valorar o impacto potencial de diferentes medidas preventivas que se podan tomar”, informou a RAGC.
Na terceira área, orientada a novas vacinas, presentáronse os proxectos dirixidos por María José Alonso, que se dirixen cara a unha estratexia mellorada para a dosificación da vacina mediante nanotecnoloxía, e por Javier Montenegro e José M. Martinez Costas que aplican conceptos orixinais para desenvolver vacinas fronte ó SARS-Cov2.
O traballo de Anxo Carracedo, encadrado na área de biomedicina, pretende encontrar determinantes xenéticos de risco e biomarcadores xenómicos de resposta e o de David Posada pretende avaliar a modificación xenética do virus ó longo do tempo. Por outra banda, Federico Mallo realiza un ensaio clínico para o tratamento da pneumonía provocada polo virus.
Para mellorar a eficiencia, precisión e rapidez dos procesos de diagnose de persoas infectadas pola COVID-19, o traballo de Jorge Pérez Juste propón metodoloxías innovadoras para novos procedementos de detección e os de Jacobo Porteiro e Marcos Ortega desenvolven sistemas baseados en Intelixencia Artificial para axilizar as análises, clasificar mellor os pacientes, estimando a súa gravidade e predicindo a súa evolución.
Finalmente no bloque destinado á desactivación do virus, Juan M.Garrido explicou o desenvolvemento do procedemento e a produción de 20.000 botellas de hidroxel para o SERGAS, Fermín Navarrina, sobre a destrución da cápside do virus mediante resonancia e Higinio González presentou un sistema de desinfección mediante dispersión de líquidos e sistemas aéreos non tripulados.
Investigadores do CITIC recoñecidos
Respecto da temática das novas tecnoloxías, a que centra a actividade deste medio, veu ligada principalmente aos investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) Ricardo Cao, Susana Ladra e Marcos Ortega, que foron os encargados de recibir un galardón en representación de grupos de investigación da UDC e proxectos centrados na procura de solucións directas fronte a COVID-19.
Ricardo Cao recibiu o galardón en representación do Grupo Modelización, Optimización e Inferencia Estatística da UDC e pola súa achega en proxectos relacionados co modelado matemática para determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica.
Á súa vez, Susana Ladra recolleu o recoñecemento outorgado ao proxecto EPICOVIGAL, Epidemoloxía xenómica e monitorización en tempo real do SARS-C0V2 en Galicia, proxecto liderado polo investigador da UVigo David Pousada e do que Ladra é investigadora principal na UDC.
Por último, Marcos Ortega recolleu o galardón en representación do Grupo de Investigación de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da UDC cuxo equipo investigador desenvolveu diferentes proxectos destinados a mellorar a eficiencia, a precisión e a rapidez dos procesos de diagnóstico de persoas infectadas pola COVID-19 a través da Intelixencia Artificial.

PUBLICIDADE