A RAGC achéganos os días 25 e 26 ás tecnoloxías que foron (e son) puntos de inflexión

martes, 17 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) organiza este mes de setembro, os días 25 e 26, unhas xornadas directamente encamiñadas a facer un repaso das tecnoloxías que están a marcar un antes e un despois na liña de evolución científica, empresarial, social, comercial ou cultural. Ou sexa, un repaso por algúns dos principais recursos que cambiaron o rumbo da historia recente. O Ciclo Avances en Ciencia e Tecnolóxica: TIC disruptivas, que chega á súa edición 22, celebrarase no salón de actos da sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), no 54 da rúa do Vilar en Santiago.
As xornadas, que se levan a cabo en horario de tarde (a partir das 16.30 horas), teñen amais o obxectivo de “debater a situación actual de Galicia no que se refire á formación de profesionais nestas tecnoloxías, así como os atrancos cos que se vai atopar o noso tecido produtivo para a súa implantación”.
Na cita participarán investigadoras e investigadores galegos de primeira liña, como por exemplo Richard Duro, do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), que presentará o seu relatorio Robots Cognitivos; Marcos Curty, profesor titular da Universidade de Vigo, que falará da Segunda revolución cuántica, da computación á criptografía; ou Susana Reboreda Morillo, profesora e investigadora da UVigo, quen abordará a cuestión de As Humanidades Dixitais. O coordinador do ciclo é José Juan Pazos Arias, académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias.
O ciclo de conferencias, apoiado pola CEG e a Deputación da Coruña (patrocinio), está destinado, en palabras da RAGC, a “un público diversos, ben sexan estudantes de grao e doutorado ou investigadores e profesionais de empresas e administracións públicas”. A inscrición, que é de balde, pódese facer na ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE