A RAG e PuntoGal convocan a cuarta edición do seu certame de microrrelatos

xoves, 28 de xaneiro do 2021 Sandra Rivadulla

A Real Academia Galega e a Asociación Puntogal convocaron a 4º edición do seu certame de microrrelatos, co fin de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. Así, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, sinala que “a aceptación do concurso é unha mostra da vitalidade da lingua nas novas xeracións e en xeracións non tan novas que tamén participan cada ano con máis interese e presenza. Unha proba de vitalidade dun idioma, a lingua galega, que vive no século XXI e teima en ollar sempre cara a diante, cara ao futuro”.
As entidades organizadoras agardan mellorar o éxito de participación das edicións anteriores do certame. Polo momento, xa se presentaron máis de 1.600 historias escritas por persoas de todas as idades. De esta forma, o presidente de PuntoGal, Manuel González, afirma que o prognóstico é “que a participación siga en aumento coa mesma progresión dos anos anteriores”. Ademais, engade, “é especialmente importante a participación dos nenos e mozos, porque á parte de contribuír á súa formación como escritores, reforza tamén os lazos de afectividade coa lingua galega”.
No certame haberá 3 categorías, que estarán distribuídas por idades para facilitar a participación de todo o público. Na infantil, poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos. Mentres, na xuvenil, será apta para mozos e mozas de 12 a 17 anos. Na categoría de adultos poderá presentarse calquera persoa maior de idade. Os textos que se presenten deberán acadar como máximo 200 palabras.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos, dende ordenadores, consolas ou lectores electrónicos de libros. Esta edición inclúe 9 premios, 3 por cada categoría. As historias premiadas publicaranse nas páxinas das entidades organizadoras e na revista Luzes.
Os formularios de participación, así como os textos do concurso, deberán entregarse a través da web www.relatos.gal. O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro de 2021.

PUBLICIDADE