A Polaroid OneStep+ tira proveito do móbil para disparar fotografías máis creativas

xoves, 30 de agosto do 2018 Marcus Fernández

O auxe da fotografía dixital desvalorizou boa parte da experiencia do disparo de fotografías, de aí que emerxesen certas correntes nostálxicas como a que recuperou as cámaras fotográficas instantáneas de Polaroid; pero o uso de cámaras retro non está rifado con certa modernidade, e así vén de saír á venda a cámara Polaroid OneStep+ i-Type, produto inspirado nas cámaras OneStep que chegaron ao mercado en 1977, pero que agora, aparte de funcionar con películas 600 e i-Type para ter as nosas instantáneas en papel en pouco tempo, conta con Bluetooth para comunicarse cunha aplicación móbil de Polaroid Originals que facilita novas ferramentas creativas.
A nova cámara, á venda por 159,99 euros, permite disparar retratos a unha distancia de a partires de 30 centímetros, permite usar o móbil como sistema de disparo remoto, facilita a creación de imaxes con dobre exposición (ou sexa, plasmando dúas imaxes nun mesmo papel), permite debuxar con luz, pode programar un disparo adiado até 25 segundos, conta co opción de disparar fotografías por son (de xeito que, por exemplo, a cámara captará a imaxe cando deamos unha palmada) e inclúe un modo manual para poder axustar a apertura, a obturación e a intensidade do flash.

Vídeo de presentación da cámara Polaroid OneStep+

PUBLICIDADE