A PlayStation Network volverá a operar esta semana

luns, 2 de maio do 2011 Marcus Fernández

Este domingo celebrouse en Tokío unha rolda de prensa na que na que os máximos responsables da división de videoxogos de Sony pediron desculpas polo acontecido coa PlayStation Network e anunciaron tanto a restauración do servizo nos vindeiros días como algunhas compensacións para os usuarios.
Dende a compañía nipona aseguran que tras a intrusión nos seus servidores contrataron a varias compañías de seguridade informática para estudar o acontecido e tomar medidas para reforzar a seguridade da súa plataforma, de xeito que agora realizarán a monitorización automática de software e xestión para a configuración para previr e defenderse de novos ataques, incremento dos niveis de protección e encriptación, aumento da capacidade de detección de intrusións de software na súa rede, o acceso non autorizado e os patróns de actividade inusual e a implementación de devasas adicionais.

Os máximos responsables da división de videoxogos de Sony desculpáronse en rolda de prensa do acontecido coa PSN

Na volta do servizo, que terá lugar durante esta semana de xeito paulatino, iranse activando o sistema de xogos en liña para PS3 e PSP (incluíndo os servizos que requiran verificación en rede e xogos descargados), o servizo Music Unlimited para subscritores de Qriocity para PS3 e PSP, a xestión de contas e o restablecemento de contrasinal (forzándose a todos os usuarios a mudar o seu password como medida de seguridade), o acceso ao aluguer de películas en PS3, PSP 3 Media Go, o PlayStation Home, a listaxe de amigos e as funcións de chat.
Para compensar aos usuarios Sony vai iniciar un programa de Benvida a nivel mundial, de xeito que en cada territorio ofrecerase de balde unha selección de contido descargable para PlaySation, os usuarios actuais recibirán 30 días de subscrición gratuíta ao servizo PlayStation Plus e os usuarios de Qriocity tamén terán 30 días de balde de Music Unlimited.
Pese a que dende Sony insisten en que non hai evidencias de que roubaran números de tarxeta de crédito almacenados no seu sistema, recoñecen que víronse comprometidos uns 10 millóns de números de tarxeta (xunto cos detalles dos seus propietarios), polo que existe un risco potencial, pero aínda non hai probas de que poida ser un problema real, pois os rumores de que estes datos estarían á venda a través da Internet non puideron confirmarse.
Como curiosidade sobre o reparto xeográfico dos 77 millóns de contas de usuario de PlayStation Network comprometidas, sorprende ver que en España figuran 2.982.592 contas, o que serve para ilustrar a bo aposición da PS3 no noso territorio, de xeito que podería considerarse (xunto con Francia e Canadá) como un dos mellores mercados para Sony tras o xaponés.

PUBLICIDADE