A PlayStation 5 slim pode mercarse con normalidade en España

martes, 28 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que a revisión máis compacta da PlayStation 5 (alcumada como versión slim) non parecía que fose chegar a España antes de decembro, na práctica non foi así, e xa pode conseguirse con normalidade en numerosos establecementos comerciais, aínda que con pouca relevancia, xa que polo momento só está dispoñible a versión con disco a un prezo de 549,99 euros, mentres que o modelo anterior estivo até onte mesmo de oferta a 429,99 euros, e prevese que experimente moitas outras promocións durante o mes de decembro.
A nova PlayStation 5 slim con 1 TB de almacenamento e unidade de disco está incluso dispoñible a través da tenda en liña de PlayStation, así como en El Corte Inglés, en MediaMarkt, en PCComponentes, na Fnac, en Amazon, nas tendas GAME... polo que podemos asegurar que non hai problemas de abastecemento, especialmente mentres resulta tan pouco competitiva en prezo, e precisamente ese pode ser o motivo polo que non chega a versión sen lector de disco óptico ao mercado, xa que aproximaríase ao prezo do vello modelo con disco, e iso podería confundir bastante aos consumidores (non esquezamos que a etiqueta de slim é informal, xa que os distintos modelos véndense baixo o mesmo nome), especialmente nunha tempada na que boa parte das consolas que se adquiren son para agasallar no Nadal.
Dados os agresivos prezos aos que están a pór aos modelos anteriores de PlayStation 5 (especialmente se os comparamos cos lotes que había que adquirir no pasado se queriamos facernos cunha consola, e que chegaban incluso aos 800 euros) parece bastante probable que liquiden existencias no que resta de ano, para que logo a revisión máis compacta poida comezar a venderse incluso dentro de promocións, pois tras as rebaixas actuais percíbese como unha consola cun prezo demasiado elevado.

PUBLICIDADE