A PlayStation 4 terá accesorios novos

xoves, 8 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Aínda que o máis importante do evento PlayStation Meeting era a presentación de novos modelos de PlayStation 4, Sony tamén estreou novos accesorios que sairán á venda este mesmo mes, así como uns auriculares sen fíos que chegarán ás tendas antes do Nadal.
Un dos dispositivos renovados que pode pasar máis desapercibido é o novo mando sen fíos DUALSHOCK 4, á venda por 59 euros, e que podería parecer o mando habitual da PS4, pero ten pequenas diferencias, como que a barra luminosa do mando tamén está presente no panel táctil do mando, buscando achegar máis información ao usuario, aínda que máis curioso é o detalle de que o mando, a parte de comunicarse coa consola por Bluetooth, tamén poderá facelo por USB, ou sexa, que se conectamos por cable o mando á consola por USB o cable non se empregará só para cargar a batería do mando, senón que transmitirá datos, o que pode ser unha mellora substancial en certos contornos (como en competicións, onde as comunicacións sen fíos poden xogar malas pasadas).
As novas consolas tamén terán un soporte opcional para colocalas en vertical, que venderase a 19 euros, mentres que outro novo accesorio, a PlayStation Camera, que para moitos usuarios era un trebello descoñecido, ten agora unha forma cilíndrica e un soporte que fai doada a súa orientación, e que este outono vai cobrar moita relevancia, xa que é preciso para o funcionamento da PlayStation VR e non vén incluída co casco de realidade virtual. O prezo da cámara será de 59 euros.
O novo produto máis rechamante sería o Platinum Wireless Headset, un sistema de auriculares 7.1 con tecnoloxía de son 3D que enriquecería a inmersión nos xogos e que será compatible con PlayStation VR. Tamén conta con micrófono con cancelación de ruído e, polo que chama a atención, non é precisamente pola súa calidade e comodidade, senón polo seu prezo de 179 euros, de xeito que será todo un luxo que poucos xogadores poderán permitirse.

PUBLICIDADE