A PlayStation 4 renova mañá o seu software de sistema

martes, 5 de abril do 2016 Marcus Fernández

Sony confirma que a PlayStation 4 recibirá mañá a actualización do seu software de sistema á versión 3.50, que fará máis doado xogar en liña cos amigos mediante novos xeitos de conectar, mellora funcións existentes e completa a experiencia de usuario.
Coa actualización a PS4 ofrecerá na ficha de perfil dos usuarios unha nova opción chamada Estado online na que podemos marcar que queremos amosar un estado fóra de liña, para cando un usuario non quere ser interrompido (por exemplo, cando estea a ver unha película ou xogando a un título fóra de liña); nos perfís dos nosos amigos poderemos seleccionar unha opción para recibir unha notificación cando estes sen conecten; en Eventos teremos a posibilidade de organizar sesións de xogo con amigos, programando día, hora e xogo, para poder convidar a amigos ou grupos, ou incluso compartilo nunha Comunidade; os membros dun Grupo poderán ver a que está a xogar cadaquén, para unirse de xeito doado á partida dun amigo ou comezar unha partida nova xuntos; permite retransmitir partidas a través de Dailymotion; permitirá etiquetar a xogadores ao compartir vídeos e capturas de pantalla en Facebook e Twitter; estrea unha opción para comprobar o estado da PlayStation Network; facilita a creación de contas de usuarios de entre 13 e 17 anos para poder xogar fóra de liña até que os seus proxenitores a aproben e completen a configuración de control paterno ao seu gusto; estrea unha sección para PlayStation Plus; e como guinda do pastel temos a estrea do uso a distancia en ordenadores equipados como mínimo con Windows 8.1 ou OS X 10.10, ou sexa, que dende un ordenador podemos conectarnos remotamente á PS4 para xogar na súa pantalla , para o que teremos que conectar o mando DUALSHOCK 4 ao ordenador mediante USB. Esta nova funcionalidade permite axustar o vídeo que recibimos no ordenador a resolucións de 360p, 540p ou 720p e 30 ou 60 fotogramas por segundo, o que deberemos elixir en funciona da velocidade da rede que interconecta os equipos.

O novo software de sistema permite activar as notificacións para saber cando se conecta un dos nosos amigos
A partires de mañá poderemos xogar coa nosa PlayStation 4 dende o ordenador

PUBLICIDADE