A PlayStation 3 xa ten data de aterraxe en Europa

xoves, 25 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A nova PlayStation 3, que causou gran entusiasmo na súa presentación e que dende entón está a ser agardada como auga de maio por milleiros de persoas en Europa, xa ten por fin, despois dun longo proceso de dúbidas e retrasos, data de chegada ó continente: será o 23 de marzo e venderase a un prezo inicial de 599 euros. Iso si: malia que nun principio falábase da chegada de dúas versións da consola como acontece nos EE UU, ó final en Europa só se confirmou o lanzamento da versión máis cara, a que consta dun disco duro de 60 GB. Sony responde deste singular xeito á demanda dos consumidores e distribuidores, mais é probable que, en función da demanda, a compañía anuncie tamén o lanzamento do modelo de 20 GB, cun prezo menor.
Sexa como sexa, e aínda que se vén de confirmar oficialmente como a consola máis cara de cantas se comercializan na actualidade, a compañía xaponesa agarda contar cun millón de unidades para distribuír en Europa, África, Oriente Medio e Oceanía, aínda que non adiantou cantas chegarán a España. Sony tamén anunciou un catálogo con máis de 30 xogos (vémolo en pdf) que verán a luz xunto coa consola, ademais dunha selección de xogos descargables a través de PlayStation Network, unha idea posta en marcha xa por Microsoft co seu servizo Xbox Live e Nintendo Wii.

PUBLICIDADE