A PlayStation 3 chega a España nun ambiente de gran expectación

venres, 23 de marzo do 2007 Raquel Noya

Fíxose agardar, é certo, pero a última “obra de arte” de Sony vén de desembarcar no mercado español. A PlayStation 3, tan agardada polos amantes dos videoxogos (e tamén polos afeccionados ó cinema na casa), concentrará ó longo do día de hoxe (e probablemente dos vindeiros días) unha boa parte da atención dos medios. E é que este enxeñoso aparello, que será presentado oficialmente na nosa terra no Xuventude Galiza Net, acolle nas súas entrañas unha das meirandes apostas da súa creadora, Sony: o formato Blu-ray. E aínda que chega con cinco meses de retraso respecto a Xapón ou Estados Unidos, non semella ter perdido moito interese, nin por parte dos medios de comunicación nin, por suposto, dos seus seareiros (que levarán tempo aforrando, xa que Sony lles vai esixir un esforzo monetario considerable).
Do millón de consolas que a compañía nipona vai pór á venda en toda Europa, máis de 80.000 unidades irán parar as tendas do estado español e a un prezo que acada a nada desprezable cifra de 600 euros. O certo é que esta vídeo consola, ademais dun centro de xogos é un reprodutor de plena definición Blu-ray con conector HDMI 1.3 e disco duro de 60 GB, entre outras cousas. Mais, así e todo, Sony terá que sacar tódalas súas armas para seducir ós mercadores cos seus encantos e empaquetarlles esta “play” (como popularmente se coñece xa a tódalas vídeo consolas).
O lanzamento deste trebello en España estase a converter en todo un espectáculo (en ocasións, non precisamente divertido): os establecementos comerciais abriron as súas portas até a medianoite para que ninguén ficara sen o seu exemplar e as sucursais bancarias de Banesto fixeron o propio nas principais cidades españolas, nas que aproveitaron para vender a máquina a prezo reducido a todos aqueles que domiciliaran a súa nómina e subscribiran un contrato de permanencia durante 25 meses. Arredor da PS3 está a xurdir tamén unha gran variedade de accións de promocións, como por exemplo a da propia Sony, que agasallará un filme en Blu-ray ós primeiros 500.000 mercadores.
Pese a todo, as cousas non pintan sinxelas para a terceira xeración da PlayStation, posto que ten entre mans o difícil reto de manter o éxito dunha saga de consolas da que xa se venderon máis de 100 millóns de exemplares, por non facer fincapé no éxito acadado polas alternativas da competencia: a Wii de Nintendo e a Xbox 360. Sexa como sexa, España -o cuarto mercado do mundo en vendas deste formato- pode ter moito que dicir sobre o seu futuro: as críticas son positivas, pero o tempo dirá se o seu excesivo prezo é un obstáculo para acadar a meta nesta arriscada aposta.

PUBLICIDADE