A PS5 Pro podería presentarse en setembro

xoves, 29 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos días fixéronse forte os rumores de que na primeira quincena de setembro celebrarase un PlayStation Showcase que serviría para presentar a PS5 Pro, unha consola da que vén de filtrarse nunha imaxe do seu deseño final, deixando ver que sería lixeiramente máis grosa que a PS5 actual.
O deseño filtrado omite a presenza dunha unidade lectora de discos, aínda que iso non quere dicir que non vaia poder engadírselle (como acontece coa PS5 actual), e semella que contará co mesmo mando DualSense que os modelos anteriores de PlayStation 5.
A grande diferenza entre a PS5 Pro e os anteriores modelos de consola é basicamente a potencia gráfica, xa que a nivel de CPU aseguran que só mellorará un 10%, mentres que a nivel gráfico o ray tracing podería chegar a triplicar a súa capacidade, o que agradecerán os xogadores máis esixentes.
O lanzamento da PS5 Pro é especialmente relevante polo feito de que en 2025 está previsto o lanzamento de Grand Theft Auto 6, xogo que podemos considerar como un auténtico vendeconsolas. Deste xeito ambos produtos beneficiaríanse mutuamente, revitalizando un mercado que precisa grandes novidades para manterse vivo (especialmente no caso dos establecementos físicos).