A PS3 chegou ó mercado xaponés con colas de centos de persoas

luns, 13 de novembro do 2006 Marcus Fernández

O pasado sábado foi o día que levaban meses agardando milleiros de xaponeses, pois a PlayStation 3 chegaba finalmente ás súas tendas, o que provocou enormes colas fronte ás tendas nas que se vencían só 100.000 unidades en todo o país (cantidade realmente moi limitada dada a capacidade de absorción do mercado nipón deste tipo de produtos) de xeito que os consumidores non só se pelexaban por ser os primeiros en ter unha PS3, senón que agardaban poder mercala antes de que se esgotase esta primeira remesa de consolas.
O primeiro en facerse cunha PS3 no barrio de Akihabara foi Akihiro Okawa, de 25 anos, que chegou ás 10 da noite do pasado venres e conseguir habilmente colocarse no primeiro posto da cola no momento da súa organización (adiantándose a outras persoas que incluso levaban 5 horas máis agardando) e así puido facerse cunha PS3 cun disco duro de 20 Gb que lle custou 50.000 iens (uns 331 euros) posto que en Xapón se rebaixaron os 60.000 iens (397 euros) iniciais (medida que non se agarda no mercado occidental).
Okawa levou a primeira PS3 vendida pola tenda Yodobashi Camera, pero na cola de xente que agardaba facerse coa consola había unhas 1.800 persoas que temían quedar sen poder mercar a nova consola de Sony pese a estar moitas horas agardando por ela.
Estes problemas de provisión de consolas virían provocados pola falta de unidades dos diodos necesarios para a súa unidade de discos Blu-ray, o que tamén fai que o seu lanzamento global sexa escalonado, chegando ós EE.UU. o vindeiro venres e agardando ó mes de marzo de 2007 para desembarcar en Europa.
Precisamente este calendario de comercialización fixo que algúns europeos viaxasen ó Xapón nestas datas para facerse cunha das novas consolas (que xa están esgotadas), rexistrándose casos de holandeses, franceses, ingleses e españois que se desprazaron ó Imperio do Sol Nacente para mercar a nova consola. Lembremos que Sony tamén tomou medidas legais para evitar a importación de consolas a Europa por parte de tendas asiáticas, polo que a compra legal debe por parte de estranxeiros debería pecharse en persoa.
Sony agarda vender 2 millóns de PS3 antes de rematar o ano, aínda que parece que non será a demanda a que marque tal cantidade, senón a capacidade de produción de consolas que teña a compañía xaponesa.

PUBLICIDADE