A PS Vita recibe unha nova actualización do seu software de sistema

martes, 25 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A PS Vita poderá intercambiar mensaxes de voz coa PS4

A PS Vita está a comezar a recibir a actualización de software de sistema 3.10, que inclúe interesantes novidades para os usuarios da consola portátil de Sony, que agora xa non verán limitado o número de aplicacións na pantalla principal a 100 (incrementouse o límite a 500 iconas), o sistema de mensaxes de voz é agora compatible con PlayStation 4 (permitindo que os usuarios de ambas plataformas poidan intercambiar mensaxes mentres estean a xogar), potenciouse o control paternal (pódese limitar o acceso á PS Store e definir o nivel de acceso mediante un sistema de niveis doado, baseado nos código PEGI) e a aplicación de calendario permitirá crear eventos de xogo cos amigos e sincronizarse con Google Calendar (tamén será posible convidar aos amigos a eventos a través de mensaxes ou correo electrónico).

O control paternal será máis doado tras a última actualización da PS Vita

Tamén permitirase comprobar e manexar a tarxeta de memoria cun novo xestor de contido, poderase buscar contidos musical gardado nun dispositivo conectado (como un PC), os vídeos poderán organizarse por tamaño, o visor de imaxes rotará automaticamente ao xirar a consola, os axustes de hora incorporan gardado automático e nas opcións de entrada en modo de espera incorporouse a suspensión da consola tras 30 minutos de inactividade.

A PS Vita estrea aplicación de calendario

PUBLICIDADE