A PS Vita estréase no Xapón

luns, 19 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Andy House entregou a primeira PS Vita á venda.

O pasado sábado o Xapón viviu a chegada ás tendas da nova consola portátil de Sony, a PS Vita, que non chegará a Europa ata o 22 de febreiro (aínda que xa pode reservarse en varios establecementos), e como vén a ser habitual en ocasións como esta, numerosos consumidores fixeron cola para poder ser os primeiros en facerse co novo dispositivo, conseguindo o primeiro da cola da tenda de Tsutaya (en Shibuya) que Andy House, presidente de Sony Computer Entertainment, acompañado por Kaz Hirai, presidente executivo de Sony Corporation, lle fixesen entrega da súa PS Vita.

Non faltaron as colas ás primeiras horas da mañá para facerse coa PS Vita

Para axilizar o proceso de adquisición das primeiras consolas, os usuarios que acudiron á tenda mencionada levaban as súas follas de reserva e escribiron en follas os xogos e accesorios que desexaban adquirir. A PS Vita chega ás tendas niponas cun catálogo inicial de 26 títulos (case todos en formato físico) e aínda que existisen numerosas reservas da consola, o feito de que Sony estea a colocar no mercado unhas 700.000 unidades da sucesora da PSP fai que non se teman problemas de abastecemento.
Os impacientes que queiran saber máis da nova consola poden acceder ao seu manual en liña ou mesmo adquirila de importación, o que non debería de ser un problema xa que a PS Vita non conta con bloqueo rexional, de xeito que os seus xogos funcionarán en todo o mundo (aínda que as versións xaponesas dos xogos non teñen por qué incluír textos en español ou inglés, de xeito que tampouco tería moito sentido a súa adquisición agás para incondicionais que gocen sendo os primeiros en facerse con este tipo de trebellos).
Cómpre comentar que a estrea da consola tamén veu acompañada por certos problemas, como informes de que certos fallos que levan á consola a colgarse ou a problemas con algunhas pantallas.

PUBLICIDADE