A PS Vita chegará o 17 de decembro a Xapón con 26 xogos

mércores, 14 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Durante o Tokyo Game Show fixéronse distintos anuncios relativos á PS Vita de Sony

Continuando coa vaga de anuncios durante o Tokyo Game Show, a pasada noite foi Sony quen quixo dar a coñecer as múltiples novidades que arrouparán a súa nova consola portátil, a PS Vita, da que confirmaron que estará dispoñible no Xapón a partires do vindeiro 17 de decembro (sen concretar a data de lanzamento europea) cun catálogo inicial de 26 xogos moi diversos: BlazBlue: Continuum Shift II Plus, Browser Sangokushi Touch Battle, Project N.O.E.L.S., Fish On, Dynasty Warriors Musou Next, Shinobido II, Power Smash 4, Uncharted: Golde Abyss, Hot Shots Golf 6, F1 2011, Dream Club, Disgaea 3: Return, Katamari no Biita, Shin Kamaitacho no Yoru, Ultimate Marvel vs. Capcom 3, Yuusha no Kiroku, Dark Quest, Lord of the Apocalypse, Michael Jackson Experience HD, NicoNico Douga, Sawari Makuuru, Ridge Racer, Monster Radar, @field, Minna to Issho: Friend Network e Army Corps of Hell.

A PS Vita chegará acompañada dun nutrido catálogo de xogos

Sony tamén asegura que hai uns 100 títulos en desenvolvemento para PS Vita, entre os que destacou que tamén teremos á colección Zone of the Enders, saga que vai adaptarse á alta definición, de xeito que tamén estará dispoñible para PlayStation 3, camiño que tamén seguirá Final Fantasy X, xogo comercializado para PlayStation2 en 2001 e que celebrará o seu 10º aniversario con versións para PS Vita e PS3.
Entre os detalles que deron a coñecer da PS Vita está a duración da súa batería, que sería de entre 3 e 5 horas de xogo fóra de liña (fronte ás de 3 a 8 da Nintendo 3DS) , polo que parece que Sony continúa a repetir os erros da PSP, o que podería agravarse no caso de xogo en liña, que no modelo superior podería facerse tamén a través de 3G, para o que no Xapón contarán con paquetes de subscrición de 20 e 100 horas/mes por 980 e 4.980 iens (9,29 e 47,27 euros) respectivamente a través da operadora NTT DoCoMo.

PUBLICIDADE