A Ourense ICC Week achegará na primavera un destacado menú de música, deseño e innovación

xoves, 27 de febreiro do 2020 Redacción

Este ano a semana de actividades creativas e tecnolóxicas da provincia de Ourense, a ICC Week, promete superarse a si mesma e gran parte dos eventos máis ou menos análogos de cantos se celebran a nivel estatal. Así o constatan os detalles que se saben do programa de eventos, xuntanzas, concertos, charlas e obradoiros previstos, moitos deles xirando arredor da innovación e as facianas máis creativas da tecnoloxía (e máis tecnolóxicas da creación). Este 26 de febreiro o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os coordinadores da semana, Juan Rivas e Manuel Araújo, presentaron algúns dos pratos fortes da ICC Week.
Por exemplo a presenza da irmá de John Lennon, Julia Baird, e de The Quarrymen, a banda que formou o ex Beatle antes de crear o grupo que lle deu sona mundial, que serán os protagonistas, xunto coa historia e as anécdotas máis persoais vividas pola banda de Liverpool, da xornada do 2 de abril, ao abeiro da ICC Week.
O programa desta edición contará tamén coa participación dos creativos Óscar Mariné e Toni Segarra, que achegarán a súa visión do mundo do deseño gráfico e a publicidade, e as novas formas de expresión artística.
A plataforma perfecta
Baltar salientou que a Ourense ICC Week “é a plataforma perfecta” para seguir ofrecendo innovación musical, deportes en liña (eSports) e xanelas directas ás novas tendencias en calquera xénero de creación. “Sen dúbida, do 31 de marzo ao 5 de abril hai que estar en Ourense e vivir esta experiencia de creatividade, e facelo da man do Goberno provincial, que segue crendo que esta é unha aposta fundamental, tendo en conta o gran retorno mediático da capital e do territorio provincial por todo o que significa este evento”, remarcou o presidente Baltar.
Raíces dos Beatles
Julia Baird presentará en Ourense o seu libro Imagine this, no que relata as súas vivencias co seu irmán, e tamén momentos posteriores á súa nenez cando John Lennon era xa unha estrela da música. Esta homenaxe terá unha continuación musical, na mesma xornada do xoves 2 de abril, protagonizada por The Quarrymen, a banda orixe de The Beatles. Neste grupo comezaron a súas andainas musicais Lennon e logo McCartney, en 1957. A banda inglesa, cos membros fundadores de The Beatles, reunidos de novo en 1997 (Rod Davis, Colin Hanton, Len Garry e Chas Newby), ofrecerán un concerto que se converterá en toda unha homenaxe aos inicios do grupo británico.
Máis concertos de primeira liña
A vertente musical tamén contará coa presenza de Anni B. Sweet. a brasileira LA BAQ, Juan Perro, o Festival de culturas africanas Harmatán, e Bantastic Fand, así como tamén destaca Cadena 100, que se suma á Semana das industrias Culturais de Ourense cun concerto do Club 100, que traerá ata Ourense o mércores 3 de abril ao grupo murciano Maldita Nerea, liderado por Jorge Ruiz. Este concerto, en colaboración con Cadena 100, celebrarase no Centro Cultural Marcos Varcárcel.
Anni B. Sweet en Ribadavia
Esta nova edición da Ourense ICC Week levará novamente iniciativas culturais e musicais pola provincia. Así, Anni B. Sweet chegará a Ribadavia (praza maior ás 12 do mediodía o día 4 de abril) para presentar o seu cuarto disco, o primeiro en castelán da súa carreira, Universo por estrenar, editado en 2019. Na cita tamén estarán Yawners e Isaac Pedrouzo, completando o cartel.
LA BAQ
Outra das propostas musicais para esta edición é a artista brasileira LA BAQ, quen despuntou desde hai uns anos como unha das voces máis singulares da música alternativa latinoamericana. A cita con LA BAQ será o 2 de abril no Café & Pop Torgal. Dentro das novidades presentadas tamén se destacou o concerto da Bantastic Fand, que se celebrará na xornada inaugural no Café Cultural Auriense. A banda chega desde Cartaxena co seu rock americano e cancións de onte e de hoxe.
Deseño e publicidade
O deseño e a publicidade terán tamén unha importante presenza nesta edición, con dous dos máis importantes nomes destes eidos, recoñecidos internacionalmente: Óscar Mariné e Toni Segarra, o único español na lista dos 100 Creative Minds da revista Shots e para moitos compañeiros de profesión e expertos do sector o mellor creativo español do século XX. No ano 2009 recompilou no seu único libro as súas reflexións sobre o oficio de publicista. O mércores 1 de abril, no Teatro Principal aportará a súa visión da publicidade e da creatividade.
Pola súa banda, no caso de Óscar Mariné, marcas como Camper, Swatch, Loewe, ou Vega Sicilia son xa referencias míticas do deseño made in Spain e todas levan a súa sinatura. Este deseñador, ilustrador, tipógrafo e artista, Premio Nacional de Deseño en 2010, vén de realizar numerosos traballos nacionais e internacionais en ámbitos como o deseño editorial, a imaxe corporativa, o cinema ou a industria musical. O xoves 2 de abril, nunha xornada especialmente dedicada aos estudantes e profesionais do deseño, -pero tamén aberta ao público xeral-, no IES Antonio Failde, Mariné fará un repaso polo seus deseños e por unha traxectoria repleta de referencias icónicas.
Entre o 31 de marzo e o 5 de abril
A sexta edición da Ourense ICC Week celebrarase entre os días 31 de marzo e 5 de abril, datas que suporán un novo punto de encontro para expertos, emprendedores e profesionais da creatividade, en diferentes puntos da provincia para debater, analizar e gozar coas diferentes propostas culturais e de lecer. Segundo informou a Deputación de Ourense, “esta nova cita vén ademais avalada polo éxito das edicións anteriores, reflectido tanto no interese que espertou entre o público, con presenza moi numerosa nas actividades programadas, como logrando un alto valor comunicativo e un impacto mediático substancial”. En edicións anteriores, pasaron por Ourense personalidades tan relevantes como Javier Mariscal, Gracia Querejeta, Iker Jiménez ou Ágatha Ruiz de la Prada, entre outros.

PUBLICIDADE