A Orah 4i unha nova cámara pensada na emisión en directo de vídeo de 360 graos

mércores, 6 de abril do 2016 Marcus Fernández

Para facilitar a retransmisión de contidos de vídeo en directo de realidade virtual VideoStitch anuncia hoxe a cámara Orah 4i, que rexistra vídeo en 4K a 30 imaxes por segundo en 360 graos, o que permite aproveitar as numerosas plataformas de vídeo en liña que se sumaron á tecnoloxía de vídeo en 360 graos coa que conséguese unha boa experiencia de usuario con cascos de realidade virtual, e que até o 30 de abril venderán a 1.795 dólares (despois o prezo subirá até os 3.595 dólares), aínda que os compradores terán que agardar ao mes de xullo para recibir as primeiras unidades desta cámara.
Dende VideoStitch aseguran que até o momento o fluxo de traballo para a realidade virtual en vivo dependía dunha matriz de cámaras nun soporte, tendo que manipular distintos cables, tomas de corrente e outros pequenos compoñentes, e coa Orah elimínanse esas ineficiencias e redúcense potenciais fallos, conseguindo crear un sinal de vídeo de calidade. Amais, a Orah 4i non se limita a recoller de xeito envolvente o vídeo, senón que tamén fai o mesmo co audio, permitindo así que o espectador sinta unha maior sensación de inmersión.
Esta nova cámara de 360 graos produce vídeo compatible con Facebook, YouTube, Vrideo, Littlstar, Bitmovin e outras plataformas de vídeo, á vez que tamén pode transmitir en directo mediante RTMP (estándar empregado por YouTube, Wowza, Akamai, Bitmovin, Ustream, Livestream...). En definitiva, que este sistema será compatible con calquera plataforma de vídeo envolvente tanto para a retransmisión de vídeo como para a publicación de vídeos gravados.
Tecnicamente falamos dun produto que combina 4 cámaras ollo de pez con sensores Sony EXMOR (cunha resolución individual de 2.048 x 1.536 píxeles), equipadas con 2 procesadores Ambarella e 4 micrófonos de rango dinámico, integrado todo nun corpo de só 80 x 70 x 65 milímetros e 482 gramos de peso. Este hardware pode conectarse a unha unidade (equipada cun procesador Intel, unha gráfica nVIDIA e unha unidade SSD de 120 GB) para a transmisión en directo que consegue xerar un vídeo de 4.800 x 2.400 píxeles a 30 cadros por segundo, con vídeo en H.264 a entre 5 e 25 Mbps, que pode gravarse en disco, transmitirse a servidores que soporten RTMP ou incluso compatible con HLS para smartphone, cartón de Google e Gear VR. Dende VideoStitch decidiron separar a cámara da unidade que chaman stitching box para facilitar que a cámara poida colocarse no medio da acción, mentres que a caixa que transmite en directo pode estar até a 100 metros de distancia (por exemplo, fóra do escenario onde transcorre a acción) conseguíndose así unha solución completa moi versátil.
Temos así unha solución que, aínda que non resulte especialmente económica, pode resultar atractiva para quen queira realizar retransmisións en 360 graos dun xeito profesional.

Vídeo de presentación da Orah 4i

PUBLICIDADE