A Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo contará para o vindeiro curso cun local de seu en Ourense

mércores, 22 de xuño do 2011 Raquel Noya

Unha universidade é unha institución que manexa e xera unha cantidade inxente e moi diversa de información e coñecemento. Para facelo axeitadamente precisa das ferramentas máis actualizadas, entre elas as informáticas. Co obxectivo de optimizar recursos e nunha aposta pola innovación sustentable, a Universidade de Vigo fomenta e divulga o software e a cultura libre a través da súa Oficina de Software Libre. Con sede no campus de Ourense e financiada pola Xunta de Galicia, o seu equipo, formado por sete persoas, traballa nun cambio de mentalidade neste eido na comunidade universitaria e fóra dela.
A Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo, con sede no campus de Ourense, naceu no 2009 coa idea de fomentar o uso das ferramentas abertas entre a comunidade estudantil e de optimizar os recursos da entidade académica, apostando por unha innovación sustentable que beneficiaría a tódolos axentes a un tempo.
Dende entón este equipo, formado por sete persoas, traballou a reo por acadar un cambio de mentalidade en toda a comunidade universitaria e fóra dela, facéndolle ver as vantaxes que ofrece o software libre á hora de reempregar e aproveitar mellor os recursos dispoñibles.
Este labor, moi necesario e non menos produtivo, espertou o interese da Administración, que fixo posible que a oficina contase para o vindeiro curso cun local de seu no campus de Ourense, dende o que servir de punto de encontro de toda a comunidade de software e cultura libres, e en xeral, de toda a comunidade educativa.
Dende o novo local, que foi habilitado hai unhas semanas, este equipo, ao mando do que se atopa o coordinador e subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, Francisco Javier Rodríguez, seguirá co seu labor de divulgación do software libre, e coa teima de consolidarse definitivamente “como referente na Universidade”, apunta Rodríguez, “intentando afianzar a súa estruturación e continuidade”, engade.
Ademais de informar e asesorar en todo o referente ao software libre, esta oficina leva a cabo distintas actividades de difusión das ferramentas abertas nos tres campus da Universidade de Vigo, e conta cunha plataforma web dende a que difunde e promove a súa actividade na Rede.
Entre os proxectos que desenvolven a través da súa web, no DUVI destacan a realización de “pílulas docentes” sobre software libre, é dicir, vídeos demostrativos que introducen aos usuarios no uso das ferramentas abertas, xornadas empresariais que amosan as súas posibilidades ou mesmo a celebración de Días MáisQueLibres, unha iniciativa que consiste na realización dunha xornada de traballo na que, a través dun stand, os técnicos móstranlle á comunidade universitaria as vantaxes do software libre.
O obxectivo final é, alén de dar a coñecer este tipo de software, facer que os estudantes se interesen polo seu uso e perdan o medo a meterlles o dente para sacarlle todo o partido que poidan, que non é pouco.

PUBLICIDADE