A Noite Galega das Telecomunicacións reivindica ás mulleres tecnólogas no seu 25 aniversario
venres, 22 de outubro do 2021
O
Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación
de Galicia (COETG-AETG) celebrou este 22 de outubro a súa XXV
Noite Galega das Telecomunicacións. Foi un encontro de
networking no que estiveron presentes destacadas entidades,
empresas e profesionais do sector TIC galega e estatal. O 25
aniversario do evento celebrouse baixo o slogan Liderando a
transformación dixital galega. Desenvolveuse no Hotel Oca
Puerta del Camino de Santiago de Compostela.
A
Noite foi unha oportunidade para pechar fileiras arredor dun problema
que afecta ao sector tecnolóxico especialmente e que se agrava con
cada ano pasado: a reducida presenza feminina nas profesións TIC. De
feito, O COETG lembrou que só un 27,5% de mulleres desenvolven o seu
traballo no eido STEM (siglas en inglés correspondentes a Ciencia,
Enxeñería, Tecnoloxía e Matemáticas) e, en concreto, na Escola de
Telecomunicación de Vigo só hai un 21 % de mulleres matriculadas.
De feito, “neste curso académico non se cubriron todas as prazas
ofertadas por esta Escola”, sinalou o colexio. Para os enxeñeiros
de Telecomunicación de Galicia é “moi importante tentar suplir
este déficit e incentivar a incorporación dos máis novos e, sobre
todo, das mulleres a estas carreiras técnicas”.
Así
o expresou durante a súa intervención no acto o decano do Colexio
Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de
Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, nun discurso no
que tamén avogou por buscar fórmulas efectivas que posibiliten a
colexiación de novos titulados. En concreto, para poder colexiarse
como enxeñeiro de Telecomunicación cómpre cursar un mestrado
habilitante.
“A
gran demanda de emprego existente, que fai que o titulado comece a
traballar co grao e, ademais, cun salario indistinguíbel fronte ao
que ten o mestrado finalizado, e o desaxuste entre o estudado nos
mestrados habilitantes e as necesidades reais demandadas por parte do
mercado son algunhas das razóns polas que as persoas acabadas de
graduar non querer cursar estes mestrados”, destacou Sánchez
Agrelo quen solicitou “flexibilizar este criterio para poder
acceder á colexiación dos enxeñeiros de Telecomunicación”.
Reivindicación do papel dos enxeñeiros
Poñer
en valor e divulgar o traballo que desenvolven os enxeñeiros de
Telecomunicación na sociedade foi outro dos puntos que sustentaron a
intervención de Sánchez Agrelo no acto de entrega dos Premios
Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, evento
que precedeu á Noite Galega das Telecomunicacións.
“Sen
Enxeñería de Telecomunicación, a sociedade sería ben distinta”,
apostilou o decano, quen engadiu que “durante a pandemia as achegas
da Enxeñería de telecomunicación posibilitaron que todos
puideramos estar interconectados, que as empresas non se parasen
totalmente e sobrelevar mellor o confinamento”.
E
engadiu: “A telefonía móbil, as redes de fibra óptica, os
centros de proceso de datos, Internet, Zoom, Teams, as redes sociais,
o WhatsApp ou Netflix e moitos outros servizos que estivemos
empregando durante aqueles días e que usamos, en xeral, na nosa vida
cotiá, non existirían sen a Enxeñería de Telecomunicación.
Xunto
a isto, Sánchez Agrelo puxo en valor que os telecos
encárganse de “converter o mundo, que en si mesmo é analóxico,
en bits, nos ceros e un necesarios para, a continuación, conseguir
que a información se poida almacenar, procesar e transportar ao
longo e ancho do planeta” e tamén destacou que “a moitos dos
empregos que van ser necesarios no futuro tales coma os relacionados
coa ciberseguridade, coa Intelixencia Artificial ou coa 5G é posíbel
acceder coa titulación de Enxeñería de Telecomunicación”.
Premios Galicia da Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021
Na
velada, na que participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira e o
alcalde de Santiago, Xose Sánchez Bugallo, proxectouse un vídeo cun
saúdo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, e entregáronse
tamén os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da
Información 2021. Unha convocatoria de premios que distingue o
emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no
ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.
En
total, entregáronse seis premios. O primeiro deles, o
Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñeceu a traxectoria de
María Encarnación Baltar. Valoráronse como razóns
determinantes desta distinción o feito de que foi a primeira muller
española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a
súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L avalou tamén o
seu perfil para o premio. María Encarnación Baltar converteuse
nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos
electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que foi
determinante á hora de lle conceder o galardón.
O
Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou
entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións
na nosa Comunidade Autónoma, distinguiu o labor do Centro
Tecnolóxico Gradiant. Como razóns determinantes
deste recoñecemento, tívose en conta o feito de que Gradiant é un
centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no
desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante
representación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación.
O
Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento
de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recaeu este ano
na Universidade de Vigo. Valoráronse como razóns
determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta
polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021-2026
para promover a transformación dixital da Universidade.
O
Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola
AMTEGA, recaeu este ano no proxecto Escoita 5G. Entre os
motivos esgrimidos para outorgar este galardón, tívose en conta “a
vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar
problemas de persoas con dificultades sensoriais”.
Finalmente,
outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de
telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos
2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación
da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés
Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.