A Nintendo Switch supera en vendas á Wii

xoves, 3 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Na presentación dos seus últimos resultados financeiros Nintendo dá conta dun dato moi significativo: a familia de consolas Nintendo Switch superaron os 100 millóns de unidades vendidas (concretamente venderon 103,54 millóns de unidades dende o seu lanzamento en marzo de 2017). Isto quere dicir que a Switch superou en vendas á Wii, que foi todo un fenómeno de masas, polo que podemos entender que estamos ante a consola doméstica de maior éxito de Nintendo, e prevéndose que en pouco poida superar as vendas da PlayStation 4 e da Game Boy.
Máis difícil será superar á Nintendo DS e á PlayStation 2, xa que ambas plataformas superaron os 150 millóns de unidades, aínda que iso dependerá principalmente do tempo que tarde Nintendo en lanzar unha nova consola, pois parece confirmado que a estratexia que está a seguir a compañía nipoa, allea totalmente á guerra das consolas de nova xeración, é todo un acerto, e a proposta de consola híbrida entre doméstica e portátil conseguiu conquistar a un grande público pese a que moitos analistas daban por mortas ás consolas de videoxogos ante a explosión do xogo móbil.
Cómpre salientar que as vendas da Switch veñen acompañadas dunhas vendas impresionantes dos seus xogos, con Mario Kart 8 Deluxe presumindo de 43,35 millóns de unidades vendidas; Animal Crossing: New Horizons converténdose no grande éxito da pandemia con 37,62 millóns de unidades; Super Smash Bros. Ultimate sumando uns sólidos 27,40 millóns de unidades; The Legend of Zelda: Breath of the Wild chegando aos 25,80 millóns de unidades vendidas mentres agarda pola súa secuela; e con Pokémon Espada/Escudo con 23,90 millóns de unidades vendidas, demostrando que a franquía de Pokémon tamén pode ter grande éxito fóra das consolas puramente portátiles.
Tamén é moi curioso ver como moitos dos supervendas para Nintendo Switch son xogos lanzados orixinalmente para Wii U, consola que tivo moi pouca aceptación, de xeito que millóns de xogadores achegáronse a eses títulos no seu remake para Switch.

PUBLICIDADE