A Nintendo Switch podería ter aplicación de Netflix no futuro

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O lanzamento da Nintendo Switch o pasado venres deixaba claro unha vez máis que as consolas de Nintendo chegan con moitas carencias que non se limitan a un reducido catálogo de xogos, senón que hai moitas outras funcionalidades sen implementar, como a prometida Consola Virtual que permitirá gozar de xogos de anteriores consolas a Nintendo Switch, e que é unha funcionalidade moi demanda (especialmente pola posibilidade de gozar de certos xogos en mobilidade).
Preguntado por tal cuestión, Reggie Fils-Aime comentou ao The Washington Post numerosos detalles da nova consola, entre os que destaca especialmente o feito de que a nova máquina recibirá aplicacións de servizos de streaming, para o que están en negociacións con Netflix, Hulu e Amazon, entre outras, polo que só é cuestión de tempo que a Nintendo Switch poida converterse nunha completa solución para o lecer electrónico.
Fils-Aime tamén destaca que a Switch non está a competir coa 3DS, xa que ambas plataformas ofrecen experiencias diferentes en función do tamaño da pantalla na que corren os xogos e a potencia que os move, de xeito que o tipo de xogos serán distintos, ou sexa, que sería imposible gozar dun xogo como The Legend of Zelda: Breath of the Wild nunha Nintendo 3DS.
Sobre o catálogo de xogos inicial asegura que para axudar a tomar a decisión se mercar ou non a Nintendo Switch están a detallar o seu calendario de lanzamentos, xa que os xogos serán o principal reclamo, e desta volta parece haber un grande interese de desenvolvedores externos, de aí que a Switch vaia contar con títulos como FIFA ou NBA 2K, aos que sumaranse tamén numerosos xogos independentes como Shovel Knight.
Comparando a Nintendo Switch coa Xbox One ou a PS4 Reggie Fils-Aime deixa claro que eles apostan por ofrecer unha experiencia de uso diferente (o feito de poder usar a consola en mobilidade pode ser un factor decisivo para moitos) e no catálogo de xogos, pois non podemos esquecer que franquías como Zelda, Mario ou Fire Emblem están limitadas a consola de Nintendo, de feito que os xogadores que queiran gozar deses títulos no futuro non terán máis opción que facerse coa nova máquina da compañía nipoa, o que fai que comparar das distintas consolas careza relativamente de sentido.

PUBLICIDADE