A Nintendo Switch podería ser a consola máis vendida en 2019

venres, 30 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A Nintendo Switch non só está a superar sobradamente os resultados de vendas da súa predecesora, a Wii U, senón que está a converterse na consola máis desexada, cunhas fortísimas vendas o pasado Black Friday e cunhas previsións moi optimistas se atendemos ás últimas informacións de Strategy Analytics, compañía británica que sostén que Nintendo vai recuperar o liderado na venda de consolas por primeira vez dende 2009.
A consultora prevé que en 2019 venderanse 17,3 millóns de Nintendo Switch, mentres que Sony sumaría 17,1 millóns de consolas entre PS4 e PS4 Pro, mentres que as Xbox One de Microsoft terían que conformarse con 10 millóns de consolas vendidas.
Aínda que o volume de consolas vendidas por Nintendo e Sony estará moi igualado, cómpre lembrar que as marcas están en situacións moi diferentes, pois a Switch é unha máquina emerxente, mentres que a PS4 é unha plataforma na súa madurez, esperándose que en 2020 reciba á súa sucesora. En calquera caso Sony ten actualmente preto da metade das consolas do mercado, polo que ten unha posición moi sólida que permitiralle unha cómoda transición á vindeira xeración.
O que si cómpre destacar é que a nivel mundial o número de consolas vendidas estaría a chegar aos mellores niveis dos últimos 8 anos, deixando claro que as predicións que se facían coa emerxencia dos xogos para dispositivos móbiles non se cumpriron, e o xogo móbil conseguiu convivir coas consolas tradicionais, sendo a Nintendo Switch o mellor exemplo de que as consolas de videoxogos aínda teñen moito que dicir.
Nesta liña o informe de Strategy Analytics tamén asegura que nos últimos anos a presenza de consolas de videoxogos no fogar medrou un 45% en Norteamérica e un 20% na Europa occidental.
A consultora tamén advirte de que, ao estarmos a aproximarnos a un período de transición entre xeracións, espérase unha caída da facturación do sector durante varios anos, de xeito que non se recuperará o nivel actual até 2023, cando a vindeira xeración estea no nivel de madurez da xeración actual (comportamento cíclico do mercado que leva bastantes anos repetíndose, aínda que a última xeración conseguise alongar considerablemente a súa vida).

PUBLICIDADE