A Nintendo Switch encara os seus derradeiros meses con moitos lanzamentos

mércores, 19 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Super Mario Party Jamboree sairá á venda en outubro

O último Nintendo Direct amosou os que posiblemente serán os derradeiros grandes lanzamentos que chegarán a Nintendo Switch, xa que está previsto que a consola presente a súa sucesora nos vindeiros meses, e o que a compañía nipoa parece ter claro é que quere que a despedida da súa consola sexa máis que digna, podendo manter un bo ritmo de vendas de consolas e xogos até o último momento.
Entre os xogos que se puideron ver había algúns títulos que son case inminentes, e que xa están dispoñibles para a súa reserva, como Luigi’s Mansion 2 HD (remasterización do xogo de Nintendo 3DS) que estará dispoñible o 27 de xuño, Darkest Dungeon II (que chegará o 15 de xullo) e o recompilatorio Ace Attorney Investigations Collection (que chegará o 6 de setembro); mentres que outros lanzamentos importantes estarían situados claramente de cara á campaña de Nadal.
Falamos, por exemplo, de The Legend of Zelda: Echos of Wisdom, que sairá o 26 de setembro e destaca principalmente porque o seu protagonista non será o heroe Link, senón que será a propia princesa Zelda a que terá que salvar o reino de Hyrule.
Xa o 17 de outubro chegará Super Mario Party Jamboree, unha entrega máis baixo a fórmula de éxito de Mario Party, que nesta ocasión ofrece 7 taboleiros e máis de 110 minixogos.
O 7 de novembro teremos Mario & Luigi: Conexión Fraternal, unha aventura con estética de debuxos animados na que Mario e Luigi terán que xuntar forzas para superar numerosos obstáculos, conseguindo que os combates por quendas teñan un toque moi dinámico.
Outra revisión de Nintendo 3DS, desta volta Donkey Kong Country Returns HD, chegará o 16 de xaneiro para animar o inicio de 2025, ano no que tamén verá a luz un xogo moi agardado, Metroid Prime 4: Beyond, do que aínda non se concretou a data definitiva de lanzamento, dando a impresión de que será o derradeiro grande xogo que se comercializará para Nintendo Switch.
No Nintendo Direct tamén se amosaron outros xogos de compañías distintas a Nintendo, confirmando que o fin de ciclo da Switch vai ser moi diferente ao de consolas anteriores, aínda que a posibilidade de que a Switch consiga superar en número de consolas vendidas á Nintendo DS e á PlayStation 2 parece unha meta imposible de acadar (sendo xa bastante meritorio ter superado á Game Boy).

Vídeo co Nintendo Direct íntegro

PUBLICIDADE