A Nintendo Switch convértese na terceira consola máis vendida da historia

martes, 7 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Nintendo vén de presentar os seus últimos resultados económicos, nos que destacan datos sobre as vendas da Nintendo Switch, consola que hai un ano superara en vendas á Wii, e que rematou o ano pasado cun total de 122,55 millóns de unidades vendidas, de xeito que tamén superaría á PlayStation 4 e á Game Boy, confirmando que o seu formato híbrido de consola doméstica e portátil foi todo un certo.
As únicas consolas que terían vendido máis unidades que a Nintendo Switch serían a Nintendo DS (con máis de 154 millóns de unidades) e a PlayStation 2 (con preto de 159 millóns de unidades), que parecen imposibles de acadar, pese a que a Switch aínda ten un ritmo de vendas moi bo (prevén vender 3 millóns de unidades no primeiro trimestre de 2023).
A Nintendo Switch, consola para a que na súa vida teríanse vendido 994,30 millóns de xogos, estaría chegando así ao seu fin de ciclo, polo que prevese que Nintendo presente en 2023 o que sería a súa sucesora de cara á súa comercialización en 2024, de xeito que superaría os 7 anos de vida cunha saúde que poucas consolas conseguiron, o que sorprende nun momento no que este tipo de dispositivos teñen unha grande competencia nos smartphones e tabletas, que ameazaban con matar o mercado de consolas tradicionais (algo que aínda parece lonxe de acontecer).

PUBLICIDADE