A Nintendo Switch convértese na consola de Nintendo máis vendida nos EE.UU. durante o seu lanzamento

martes, 7 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O pasado venres saíu á venda a Nintendo Switch, e aínda que non temos datos sobre o seu lanzamento en todo o mundo, nalgúns mercados a acollida da nova consola foi impresionante, botando por terra os prognósticos de moitos que entendían que dende que hai smartphones e tabletas non quedaba espazo para as consolas de videoxogos. Polo momento xa sabemos que a Nintendo Switch nos seus dous primeiros días á venda (sábado e domingo) converteuse na consola de Nintendo máis vendida nos EE.UU., superando ás vendas da Wii, á vez que The Legend of Zelda: Breath of the Wild tamén conseguiu converterse no xogo solto de Nintendo con mellores vendas, superando ao Super Mario de Nintendo 64. Dende Nintendo están especialmente satisfeitos xa que que falamos dun lanzamento realizando a comezos de marzo, en vez de en plena campaña de Nadal, como acontecera coa Wii, polo que prevén unha magnífica acollida para a nova consola.
No Xapón tamén teñen datos de vendas, e estiman que nos tres primeiros días colocaron 330.637 unidades da Nintendo Switch, mentres que The Legend of Zelda: Breath of the Wild vendería 190.060 copias no país (contando só copias en formato físico), o que serían uns datos mellores que os da Wii U, aínda que non chegarían ás 371.936 unidades da primeira Wii nos dous primeiros días (aínda que o feito de que a consola se lanzase un 2 de decembro no país nipón claramente disparou as venda a uns niveis que dificilmente poderán repetirse).
En espera de coñecerse os resultados de vendas iniciais no resto do mundo resulta evidente que a Nintendo Switch é un acerto, ao conseguir captar a atención do público ofrecendo algo diferente, resultando incluso rechamante para un público adulto que ve con bos ollos o poder empregar a nova consola en mobilidade á vez que ofrécese unha experiencia de xogo moi superior á das pequenas consolas portátiles tradicionais.

PUBLICIDADE