A Nintendo Classic Mini volverá en 2018

martes, 12 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Parece que a promesa de Nintendo de que a SNES mini non vai ter grandes problemas de escaseza como aconteceu coa Nintendo Classic Mini vai en serio, e para deixar constancia de que non teñen interese ningún en fomentar a especulación económica cos seus produtos anuncian algo que agradecerán moitos entusiastas da marca: a Nintendo Classic Mini volverá ás tendas o ano que vén.
Que a Nintendo Classic Mini vaia volver estar dispoñible fai que o público disipe o temor a quedar sen a SNES Mini, xa que pode entender que, no caso de que as vendas da nova consola para nostálxicos non teña unha produción acorde á demanda poderá á cadea de produción máis adiante.
Aínda así, a versión de tamaño reducido da clásica NES tardará bastante en volver estar dispoñible, xa que non será tras o Nadal cando chegará ás tendas, senón que o seu retorno sería de cara ao verán. Esta consola inclúe 30 xogos que son especialmente importantes por ter iniciado moitas das franquías que hoxe seguen vivas, como Super Mario Bros, The Legend of Zelda, Metroid... de aí que esta máquina sexa un atractivo obxecto de colección para os amantes do mundo dos videoxogos.

PUBLICIDADE